A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación impulsou a creación da Asociación de Produtoras Eo Alimenta, no marco da colaboración coa Estratexia Alimentaria Eo Alimenta
Barreiros, 18 de novembro de 2024. O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García participou este xoves na reunión do Consello Alimentario do Eo, na que a área provincial está integrada xunto a producións agroalimentarias, centros educativos, entidades relacionadas co desenvolvemento rural e gobernos locais da Mariña oriental -Barreiros, Ribadeo, Trabada e A Pontenova – e do Occidente asturiano e que ten como obxectivo o impulso de accións coordinadas no ámbito da produción e do consumo alimentario.
Na reunión, que se celebrou nas Escolas de San Cosme de Barreiros, o responsábel provincial subliñou “o compromiso da área de Rural coas iniciativas que pulen por un sistema alimentario sustentable para o territorio e digno para as producións locais” e incidiu na importancia de afianzar este modelo para “recuperar superficie agraria” e “camiñar cara unha soberanía alimentaria”, que reduzaa a dependencia de materias primas do exterior e facilite o acceso da poboación a alimentos frescos, locais e de tempada.
Nese marco, a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven colaborando estreitamente coas iniciativas desenvolvidas desde Eo Alimenta nos últimos anos como o Festival Eo de Alimentación Saudable, e impulsou a creación da recén constituída Asociación de Produtoras Eo Alimenta, enfocado na planificación e distribución conxunta de alimentos do territorio.