O deputado lucense e portavoz de Industria do Grupo Popular afeou “a incompetencia” do Goberno de Sánchez para a xestión industrial na Comisión de Industria e Turismo do Congreso dos Deputados
Madrid, 13 de decembro de 2024.- O deputado lucense e portavoz de Industria do Grupo Popular, Francisco Conde, advirte de “arbitrariedade” por parte do Goberno de Sánchez á hora de xestionar ante a Comisión Europea os fondos europeos para o proxecto de fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei.
O popular lembrou durante a Comisión de Industria e Turismo celebrada este xoves que o Goberno de España si xestionou fondos de 450M€ para Arcelor, 155M€ para a planta de Repsol en Cartaxena, 74M€ para Green H2 Los Barrios ou 80M€ para outro proxecto en Aragón; todos eles sen iniciar a tramitación ambiental.
Conde pregúntase a que está esperando o Goberno para solucionar o financiamento de Altri ante a Comisión Europea despois de que o Ministro de Industria e Turismo se comprometera fai un ano a facer as xestións oportunas para dar resposta ás súas necesidades de financiamento”.
O deputado lucense afea “o incumprimento do Goberno de Sánchez cun proxecto para a instalación en Galicia e, particularmente en Lugo, dunha industria que permita xerar emprego” e que “non conta co mesmo apoio que outros proxectos industriais doutras rexións que si teñen concedidos fondos europeos sen ter sequera iniciada a tramitación ambiental”.
O portavoz de Industria do Grupo Popular no Congreso condenou durante a súa intervención “a incompetencia do Goberno de Sánchez, desde o punto de vista da xestión industrial, para favorecer a localización de industrias no noso territorio”.
Incluso apuntou que “o Ministerio de Industria e Turismo é o peor en execución de fondos europeos con só o 6,6%”. De feito, o Goberno de Sánchez deixou de executar en materia de industria 25.291M€ nos últimos seis anos e 9.975M€ no 2024.
PROXECTO DE LEI DE INDUSTRIA E AUTONOMÍA ESTRATÉXICA BALEIRO DE CONTIDO
Francisco Conde advirte que o proxecto de Ley de Industria e Autonomía Estratéxica presentado polo Goberno de Sánchez está “baleiro de contido”. E así, “non podería contar co apoio do Partido Popular”.
Concretamente, o deputado popular subliñou que “presentaron un proxecto de Lei sen financiamento, que non contempla medidas para impulsar a I+D empresarial e sen unha solución ao prezo enerxético das empresas electrointensivas”. Así, cre que “o Ministerio de Industria e Turismo xestiona as políticas en materia de industria electrointensiva dende o sesgo ideolóxico”.
Así lembrou que Alcoa, na Mariña lucense, está en risco; “pero o Goberno de Sánchez non adoptou nin unha soa medida”: nin sobre as axudas por compensación de CO2 -só está aplicando 1 de cada 3 euros dos que permite a Comisión Europea- nin tampouco ningunha medida que permita adoptar solucións adecuadas dende o desenvolvemento das renovables. É máis, “o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico ten sen resolver os parques eólicos de Alcoa”.