Viveiro, 3 de decembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que xa comezaron as obras de mellora no Punto Limpo de Patarroa-Escourido, que incluirán a ampliación do espazo destinado a residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), a adaptación de espazos para a recollida de poda e a instalación de novos contedores.
“Esta actuación ten como obxectivo optimizar a xestión de residuos e aumentar a capacidade de atención á veciñanza, reforzando así o noso compromiso co medioambiente”, sinala Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa de Viveiro e responsable da Concellería de Medioambiente.
Bermúdez destaca que as obras “avanzan a moi bo ritmo, polo que está previsto que rematen a fin de mes”. “A modernización do Punto Limpo permitirá que a recollida de residuos sexa máis eficiente e accesible”, subliñou.
“Estamos moi satisfeitos co seu progreso, que supón un paso adiante moi importante para mellorar a calidade do servizo que ofrecemos á nosa cidadanía”, engadiu.
Dentro dos traballos que se están a levar a cabo contémplase a ampliación da zona de almacenamento de RAEE, a adaptación de espazos para a recollida de biomasa doméstica, a modernización dos controis de acceso e iluminación exterior e a instalación de novos contenedores para a recollida de fraccións como textil, vidro e cartón.
Ademais, a Concellería de Medioambiente está a elaborar un regulamento para o Punto Limpo, coa fin de establecer normas claras que faciliten o seu uso e fomenten a participación cidadá na xestión de residuos.
Dende a concellería lembran que o Punto Limpo de Patarrosa-Escourido está aberto os luns de 08:00 a 14:00 e de 15:00 a 19:00, os martes e xoves de 09:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00, os mércores e venres de 8:00 a 14:00 e os sábados de 10:00 a 13:00, estando pechado o cuarto sábado de cada mes.