Viveiro, 4 de decembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro e a Concellería de Medioambiente dan comezo á reparación e adecuación dos contedores soterrados do municipio, logo de máis de dez anos en funcionamento.
Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa e responsable da concellería, destacou a importancia desta actuación: “Asegurarnos de que os contedores soterrados funcionen correctamente é fundamental para a seguridade e benestar da veciñanza”.
Bermúdez explica que estes “sufriron un deterioro significativo debido ao uso diario e ao impacto dos residuos nos materiais que os compoñen, especialmente os destinados á fracción resto”.”A renovación dos elementos de seguridade, como as plataformas anticaídas, permitirá que a súa operativa sexa moito máis segura e eficiente”, engade.
As actuacións a realizar incluirán a limpeza e reposición de vinilos e a reparación dos elementos de seguridade. “Este proxecto non só mellorará a estética do noso municipio, senón que tamén garantirá un funcionamento óptimo dos contedores, contribuíndo así á protección do medio ambiente e á saúde pública”, concluíu a tenenta de alcaldesa.