Ribadeo, 29 de decembro de 2024. Cinco músicos debutaron coa Banda Municipal de Música de Ribadeo no seu tradicional concerto de Nadal titulado Aquí como en Viena, que dirixiu Rubén Solloso, nun auditorio municipal Hernán Naval repleto de público onte, sábado. Os 5 novos compoñentes da Banda ribadense que foron presentados nesta actuación son Ana Pérez, Roque Ballester e Antón Ballester, ó clarinete; Alba Pillado, ó saxo soprano; e Raúl Fernández, á percusión. En total a formación contou neste concerto con máis de corenta músicos.
A primeira parte empezou coa interpretación dun arranxo de Jacob de Haan do tema Noite de paz, de Franz Gruber, nun ambiente íntimo adornado con velas e acabou cos ritmos latinos de mambo da peza We wish you a mambo Christmas, de Erik Morales. Tamén tocaron White Christmas, de Irving Berlin con arranxos de Naohiro Iwai; A fireside Christmas, arranxada por Sammy Nestico; e A Merry Christmas, de Ted Parson.
A segunda parte estivo composta por valses que transportaron ós asistentes ós elegantes salóns vieneses. Interpretaron Barcarola dos Contos de Hoffman, de J. Offenbach con arranxos de R. Morena; Segundo Vals da Suite de jazz nº 2, de D. Shostakovich e arranxos de A. Waignein; e A orillas del Danubio azul, de J. Strauss con arranxos de R. Morena; para rematar coas palmas do público acompañando á tradicional Marcha Radestzky.