Moitas das actividades foron programadas en colaboración con diferentes asociacións do municipio
Cervo, 6 de decembro, 2024. O Concello de Cervo programa para as festas de Nadal unha axenda chea de eventos e actividades para todo tipo de públicos en colaboración con diferentes asociacións do municipio.
A axenda foi presentada na Casa do Concello pola alcaldesa, Dolores García Caramés, os edís, David Rodríguez, Adrián Arias, Alfredo Fernández, e a concelleira Mali Méndez, xunto a representantes das diferentes asociacións que colaboran e organizan os seus propios eventos.
A programación de Nadal arrincará este mesmo sábado 7 de decembro coa elaboración dos beléns de plastilina, ás 12:00 horas, na Casa do Concello; e ás 17:00 horas na Casa da Cultura. Logo, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura acollerá a representación da obra Vaites, Rapariga! de Tarabela Creativa, para o público maior de 16 anos.
O 14 de decembro será o Mercado de Nadal que terá lugar na Praza do Souto, en Cervo, da man da Asociación Airiños do Xunco a partir das 10:00 horas e durante todo o día. Haberá diferentes postos de alimentación, artesanía, sorteos e música, e unha edición especial da Ruta de Petiscos Cervo-Sargadelos, na Sacabeira, A Taberna de Sargadelos, O Almacén e o Caseto de Copa. Tamén está prevista unha actuación infantil ás 19:00 horas.
O domingo 15 de decembro, será o acendido do Belén feito con papel reciclado de xornal da Asociación Mulleres de San Ciprián, na Casa do Mar, ás 18:00 horas.
O 18 de decembro o CIT celebrará o Día do Socio, no seu local, a partir das 18:00 horas.
O 20 de decembro o mesmísimo Papá Noel estará de visita nos dous colexios pola mañá, e tamén estará en Trasbar o día 21, da man da asociación de veciños do Burgo de Trasbar, con merenda, a partir das 17:00 horas. E o día 22 trasladarase á Escola de Rúa, convidado por veciños desta parroquia, que tamén teñen programada unha chocolatada a partir das 16:00 horas. E xa o 23 de decembro co seu elfo visitará a Escola Infantil e o Centro de Día Resindencia.
O día 21 de decembro a asociación cultural Comisión de Festas de Lieiro coa colaboración do Concello celebrará o II Festival do Guioncho, a partir das 22:00 horas, na carpa da Praza dos Campos, con moitas sorpresas, servizo de buses, a orquestra Waykas, o Grupo Beatriz e DJ Pablo Conxuro.
Ese mesmo día pola mañá será o XVI Campionato de Nadal de Nihon Tai-jitsu, no pavillón do CEIP Península da Paz.
O día 22 de decembro será a tradicional Gala de Nadal no auditorio da Casa da Cultura que contará coa participación dos grupos musicais e de baile do Concello a partir das 19:00 horas.
O 24 será a Noiteboa Infantil da man de Fervenza de Sargadelos, a partir das 17.00 horas, na carpa instalada na Praza do Souto.
O xoves 26 de decembro terá lugar un guateque de Arruguiñas na Casa do Mar, ás 19:30 horas, coa colaboración de Xubilados Terramar.
Xa o venres 27 de decembro a Praza dos Campos será o escenario do Callo Fest para despedir o ano con moita música, a partir das 21:00 horas, con Me Fritos and The Gimme Cheetos, e un tributo a Foo Fighters como pratos fortes. Ese mesmo día o CIT entregará os premios do concurso de fotografía de Nadal no seu local, ás 18:00 horas.
E o sábado 28 haberá un concerto O Son do Nordeste ás 21:00 horas, na Carpa da Praza do Souto.
O 31 de xaneiro a asociación de veciños do Burgo de Trasbar celebrará un brinde de fin de ano a partir das 19:00 horas, no seu local; e de madrugada o Concello propón unha gran Festa de Fin de Ano, na Praza dos Campos, a partir da 1:30 horas.
Os Reis Magos farán como sempre unha parada obrigada no noso Concello o día 5 de xaneiro, como xa é tradición.
A cabalgata de San Cibrao sairá ás 18:00 horas da zona do Pavillón da Veiga, e haberá recepción Real no auditorio ao remate. Durante a tarde, a A.C. Comisión de Festas de Lieiro servirá chocolate con biscoito caseiro na Praza dos Campos. Esta cabalgata contará coa colaboración da ANPA do CEIP Península da Paz e de Mulleres de San Ciprián.
A cabalgata en Cervo será a partir das 19:30 horas, e a recepción será na Praza do Souto, onde tamén haberá un Belén Vivente, da man de Airiños do Xunco.
Ademais, haberá diferentes actividades lúdicas durante todo o Nadal, como un chan interactivo na carpa da Praza do Souto, o 28 e 29 de decembro, ás 17:00 horas; e colchonetas e xogos xuvenís o 3 e o 4 de xaneiro, na Praza dos Campos pola tarde. E o 30 de decembro unha actuación de maxia no Souto da man do Concello e Airiños do Xunco, ás 19:00 horas.
A piscina municipal acollerá tamén a tradicional Festa Acuática o 2 de xaneiro, ás 17:00 horas e haberá unha actuación infantil o 7 de xaneiro, na carpa da Praza do Souto, ás 18:30 horas, da man do Concello e Airiños do Xunco.
Tamén se programaron actividades para favorecer a conciliación das familias como o Cervo Concilia durante todo o Nadal, e tamén Brincos de Nadal o 28 de decembro ás 12:00 horas, na Casa da Cultura; e o 29 de decembro nas Escolas Vellas de Cervo á mesma hora.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo agradecer unha vez máis a implicación do tecido asociativo local tamén nestas datas “que coa súa enerxía, xenerosidade e creatividade contribúe a que poidamos contar con esta completa axenda lúdica pensada para todos os públicos”.
As asociacións culturais, sociais e deportivas do municipio foron fundamentais para crear un calendario de actividades que reflexan a diversidade e o espírito navideño de Cervo, e quixo convidar a toda a veciñanza e visitantes a participar nas actividades programadas e a gozar destas festas no municipio.