A alcaldesa desminte, unha por unha, as afirmacións do sindicato anarquista CNT e pide respecto para o comité de empresa como lexítima representación dos traballadores
Cervo 18 de decembro de 2024. O Concello de Cervo agarda que a Deputación rectifique e apoie unha solución para o mantemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) que faga posible renovar o convenio de funcionamento a partir do 1 de xaneiro.
Lembra que nos concellos de menos de 20.000 habitantes é a Deputación a administración competente en materia de emerxencias e que, ata o de agora, pese ás reiteradas demandas formuladas, quere desentenderse.
Nesa mesma liña a alcaldesa pide tamén ao membros da corporación municipal do PSOE e do BNG que reconsideren o seu voto en contra de que a Deputación ofreza unha solución, tendo en conta que estas forzas políticas son as mesmas que forman parte do goberno provincial e que, polo tanto, teñen capacidade de forzar un compromiso para a continuidade do servizo.
A alcaldesa insiste en que, nas condicións actuais é inviable asumir o GES e sinala que o servizo de prevención certifica que serían necesarios máis efectivos por quenda, para poder aplicar os protocolos de traballo esixidos polo convenio e garantir a seguridade e a saúde. Os doce traballadores actuais, tendo en conta baixas, permisos e vacacións, fan que o GES, cun ámbito de traballo que supera o municipal, estea en demasiadas ocasións inoperativo.
Recolocación do 100% dos traballadores
Dolores García Caramés pide que se respecte o proceso de negociación aberto co comité de empresa, como lexítimos representantes dos traballadores municipais, e se ratifica na súa vontade de que ningún dos doce efectivos do GES perdan o seu posto de traballo, pois serán recolocados todos eles, ao cen por cen, noutros postos municipais.
Aproveita tamén para desmentir, unha por unha, as afirmacións realizadas polo sindicato CNT, organización anarquista que non forma parte do comité de empresa e, polo tanto, é allea a todo este proceso, que intoxica con informacións non veraces que só teñen por obxecto confundir.
Así por exemplo, desminte que desde este sindicato se presentase algún tipo de opción alternativa para a continuidade do GES, explica tamén que non é certo, como afirmou a CNT que na concentración de protesta que tivo lugar onte participase a policía local, cuxa presenza limitábase a un acto de servizo e así o quixeron aclarar os propios axentes e desvincula a non sinatura do convenio do GES con reclamacións laborais, pois o cerne da renuncia vén forzado pola falta de colaboración da Deputación e a imposibilidade de prestar o servizo, coas condicións de seguridade e protocolos legalmente esixidos co número de efectivos actuais.