A mellora das infraestruturas, a aposta polos servizos públicos, o apoio á educación, ao deporte e a cultura, ou o fomento do emprego e do benestar social son algúns dos eixos principais duns orzamentos que ascenden a 8.179.762,58 euros
Cervo, 20 de decembro do 2024. O Concello de Cervo presenta uns orzamentos para o vindeiro ano cuxa cifra ascende a 8.179.762,58 euros que se ratificaron no pleno que se celebrou este mesmo venres, buscando un equilibrio entre o desenvolvemento social e económico, sen perder de vista os obxectivos principais da xestión municipal que é o mantemento e mellora dos servizos públicos; das nosas infraestruturas, o apoio á educación, á cultura, ao deporte… e o fomento do emprego e do benestar social, sen perder de vista nunca o compromiso co medioambiente, afondou a alcaldesa, Dolores García Caramés, que debullou as cifras este mesmo venres.
Tal e como precisou, presentamos uns orzamentos realistas, que responden aos principios da prudencia e da responsabilidade, co obxectivo sempre de seguir a prestar uns servizos públicos de calidade par a nosa veciñanza, cumprindo os principios da eficiencia e da eficacia na xestión do gasto público; e sen incrementar os impostos á veciñanza.
Estes orzamentos volven reflectir a clara aposta deste equipo de goberno pola xestión directa dos servizos, sempre unha prioridade para nós. Tamén se reserva unha partida importante dentro do orzamento no capítulo de gastos correntes que ascende a algo máis de 3 millóns de euros. O que demostra que o Concello seguirá estando ao carón do tecido asociativo de Cervo, ofrecendo cooperación continua e tamén axudas directas aos diferentes clubs e asociacións do municipio, como piares esenciais para o noso desenvolvemento cultural, social e económico.
A alcaldesa explicou que se trata dun documento que reflexa as nosas prioridades, sempre ao carón do tecido asociativo, das familias e da nosa mocidade, e a visión de futuro que temos para Cervo.
Un orzamento que non só é unha cifra –engadiu- é a folla de ruta para mellorar a calidade de vida de cada un dos nosos veciños, para impulsar o desenvolvemento do noso pobo, e garantir que cada recurso se empregue de xeito eficiente e responsable.
Este orzamento caracterízase por un enfoque pois equilibrado e responsable e cun forte compromiso cara a transparencia, cun plan de investimentos que optimiza o uso dos recursos públicos, garantindo a sustentabilidade financeira do noso concello a longo prazo.
A mellora das infraestruturas e dos servizos públicos, o apoio á educación e a cultura, ou o fomento do emprego e do benestar social son eixos principais dos nosos orzamentos; que tamén amosan o noso compromiso co medio ambiente, afondou.
Tratamos de seguir construíndo así un Cervo máis inclusivo, máis moderno e sostible; e o traballo conxunto entre a administración local é a cidadanía seguirá a ser fundamental neste camiño, por iso seguiremos estando preto das familias e de todos os colectivos culturais, deportivos e educativos, para seguir medrando xuntos e dinamizando o noso Concello, sentenciou.