O Valadouro, 6 de decembro, 2024. O Grupo Humorístico Trípode é un grupo de teatro que fai comedia desde hai 12 anos. Naceu no ano 2012 coa unión de tres actores: Cachín, Alberto Níñez e Pepe Peinó. Con sé en Alfoz e postas en escena sinxelas, os tres actores recorreron multitude de concellos e lugares da provincia de Lugo, con obras como “Xuízo anticorrupción”, “Cousas de vellos” ou “Apedreando”, nos que se decantaban por un teatro interactivo, no que facían participar ao público. Posteriormente, ampliaron o número de actores, uníndoselles varios outros actores de teatro afeccionado de toda a Mariña Lucense (Burela, Foz, Barreiros, Valadouro, Lourenzá…) e representaron varias comedias de corte clásico, como “A panxoliña máis fermosa” ou “O muro”. Agora están representando polos escenarios a comedia “A presa”, baseada nun feito real ocorrido non hai moito no Val que engloba os concellos de Alfoz e O Valadouro.
Como cada ano, reuníronse para celebrar a tradicional cea de Nadal, que nesta ocasión foi no restaurante Asturias de Ferreira do Valadouro. Logo, xa de noite, sacaron esta bonita foto na praza de Ferreira, a carón da fermosa árbore de Nadal que ilumina a vila.