O voceiro popular salienta “a satisfacción dos concelleiros do Partido Popular polo deber cumprido e que non nos amedrentamos ante as ameazas do señor Cajoto”
Foz, 12 de decembro de 2024. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Foz, Javier Castiñeira, móstrase “satisfeito” xa que o Tribunal administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL) considera que si son de interese público as razóns esgrimidas por PP e BNG para renunciar á adxudicación do contrato da Residencia de Maiores. O Tribunal vén de desestimar a alegación da empresa CK SENIOR e entender a decisión do Pleno defendida por PP, BNG e os propios usuarios, dado que cos novos prezos, sen axudas, podería haber moitas persoas que non puideran recorrer ao servizo, algo que vai en contra do establecido nos propios pregos da licitación.
“Cajoto debería pedir perdón, especialmente aos residentes e aos seus familiares aos que deostou reiteradamente, ao Partido Popular e ao BNG aos que ameazou con estar incumprindo a lei e, tamén, á propia empresa por non saber dilixenciar e xestionar este contrato que tería solucionado se, como lle pedíamos, sacara as axudas antes de adxudicar o contrato”, solicita Javier Castiñeira.
O voceiro popular salienta “a satisfacción dos concelleiros do Partido Popular polo deber cumprido, que non nos amedrentamos ante as ameazas do señor Cajoto e que sempre defendemos o interese público e o dos veciños de Foz ante calquera outro”.