O popular explica que “este expediente é o preámbulo dunha obra maior”; xa que, tras o dragado da canle do Porto Chico, “Portos de Galicia xa dixo no seu día que está prevista unha reorganización da súa dársena”
Foz, 9 de decembro de 2024. “O Goberno de Sánchez aínda non fixo nin remitiu o informe de Costas do Estado solicitado fai máis dun ano e que é fundamental para avanzar nas tramitación do dragado da canle e nunha esquina do Porto Chico”, indican os populares á vista da resposta oficial a preguntas dos senadores do PP por Lugo.
O portavoz do PP de Foz, Javier Castiñeira, condena o “pasotismo total” tanto do Goberno do Estado que “leva meses para facer un informe imprescindible para avanzar nese dragado que é fundamental para Foz e que demanda o propio sector (a confraría de pescadores, a asociación A Ribeira e o Club Náutico)”.
Igualmente, subliña que o señor Cajoto “non conseguiu nada”, a pesar de “quedar de poñerse con ese tema” despois de aprobar no Pleno do Concello unha moción co que os grupos municipais pediamos axilidade”.
Castiñeira traslada ao respecto a súa “decepción” pola “falta de interese do Goberno do Estado e as nulas xestións realizados polo goberno local en relación a este expediente” sobre o dragado, pero que é “o preámbulo dunha obra maior”. De feito, “Portos de Galicia dixo no seu momento que, despois do dragado da canle, está prevista unha reorganización da dársena do Porto Chico”. Polo tanto, “deberamos ter o informe para ter nos próximos meses sacar a licitación ese dragado e continuar con esa obra e todos os trámites administrativos”.
INVESTIMENTO DA XUNTA
A acción das mareas, as correntes internas e as circunstancias climatolóxicas producen grandes acumulacións de area na zona de acceso e atracada das dársenas, ocasionando situacións de perigo ou de pouca operatividade dos recursos portuarios.
Para evitar estes problemas, son necesarias dragaxes periódicas así como determinadas actuacións que axuden a reducir estes riscos e minoren os efectos destas condicións ambientais.
De feito, desde o ano 2021, a Xunta de Galicia fixo varios investimentos que incluíron desde dragaxes de emerxencia a outras obras non menores, como a reparación de espigóns, melloras nos pantaláns, proteccións contra a acción das correntes, actuacións que se traduciron en millóns de euros.
O compromiso máis recente implica a execución dunha nova dragaxe da canle de acceso de Porto Chico, cun investimento próximo a 1,1 millón de euros; ademais dun estudo para reorganizar a zona de atracada, optimizala e facela máis segura e con máis e mellores amarres.
Aínda que, o Goberno galego leva meses coa tramitación ambiental deste proxecto, un paso decisivo para que poida facerse realidade nun prazo razoable de tempo é que dispoña dos permisos e as autorizacións necesarias previas e preceptivas á licitación, entre eles, un informe que se solicitou á Dirección Xeral da Costa e o Mar en novembro do ano 2023 e que, á espera da súa emisión, mantén bloqueada e imposibilita seguir avanzando na tramitación deste proxecto.