Este 15-D 100.000 persoas, segundo a organización, dirixida polas Plataformas en defensa da ría de Arousa e Ulloa Viva, 40.000 segundo a Policía Local compostelá (en calquera caso un mundo de xente) ateigaron a praza do Obradoiro e, simultaneamente, outros lugares da capital repenicando a grande demostración de Nunca Máis do 1-D de 2002, na denuncia da crise ecolóxica xerada polo afundimento do Prestige. Amosando que a cidadanía galega rexeita o proxecto GAMA de Altri-Greenalia e que o presidente Rueda ten enfronte nesta xeira aos sectores da sociedade galega máis preparados, produtivos, dinámicos e modernos.
Que pasou neste tempo para chegarmos a este divorcio entre o PP e estes sectores, que- hoxe si- representan ás maiorías sociais deste país?
Na época da pandemia (2021), en determinada equipa de tarefas promovida dende a presidencia e a entón vicepresidencia económico da Xunta a representación de Inditex enunciou como proxecto único e innovador, de auténtica economía circular, unha fábrica de fibras renovábeis empregando, nomeadamente, roupa fóra de stock ou usada que podía achegar a multinacional galega a medio de loxística inversa.
Mais este proxecto innovador e singular, universalmente aceptado por todas as forzas políticas e sociais mudou para se converter, substancialmente, nunha celulosa de papel do século XX. Unha industria de encrave que nin achegará integración na cadea produtiva nin valor á economía galega. Xa que logo, Inditex deixou de estar interesada e orientou a súa aposta de transformación circular da roupa usada e fóra de stock cara outros proxectos.
Daquela pairaba o moi probábel peche no medio prazo da celulosa de ENCE de Lourizán-Pontevedra, decidida pola chamada “Audiencia Nacional” e salvada nas dez de últimas por unha sentenza moi desaquelada do Tribunal Supremo. Este acontecemento distorsionou aínda máis o proxecto, tanto no que se refire ao seu terríbel impacto nas Terras da Ulloa, no val do Ulla e na ría de Arousa (precisará 46 millóns de litros diarios de auga, das que devolverá 30 millóns logo de tratados) como nas necesidades de fornecemento de eucalipto. Coas celulosas de ENCE en Navia e Lourizán o proxecto GAMA de Palas de Rei precisaría potenciar aínda máis a produción forestal galega cara o monocultivo do eucalipto. Velaí a oposición da propia ENCE e da compostelá FINSA, que traballa coa produción de pino.
Contra o proxecto arestora érguense todas as forzas políticas significativas no País (agás o PP), a maioría das alcaldías e gobernos locais da área xeográfica, os sectores mar-industria da Arousa, a hostalería que vive do Camiño Francés, as máis de 4.000 explotacións gandeiras da Terra de Melide, a Ulloa, Deza e Arzúa (velaí o nidio posicionamento da moi potente Denominación de Orixe dos Queixos de Arzúa-Ulloa), canda as entidades protectoras dos Camiños de Santiago, o ambientalismo galego (ADEGA, Ecoloxistas en Acción) e global (Greenpeace). Velaí as máis de 24.000!! alegacións presentadas na Xunta contra o proxecto, asinadas por máis de 500.000 persoas físicas e xurídicas. Por outra banda, tanto Ulloa Viva como a Plataforma en defensa da ría de Arousa amorean grupos, persoas e entidades moi diversos e plurais canto á súa orixe e adscrición social e política.
Velaí o grave erro do presidente Rueda, testán en descoñecer que a Ulloa e, en xeral, as bisbarras do centro de Galicia, non son ningún territorio baleirado, senón un espazo equilibrado con actividade económica diversa e rendíbel. E testán, tamén, en impor un proxecto condenado a non recibir financiamento vía PERTE next generation da Unión Europea e a non sair adiante, agás por vías propìas da imposición manu militari que, dende logo, non se albiscan no vindeiro futuro neste país.