A Fundación Expomar organiza a segunda edición do chamado “Día do Orgullo Mariñeiro”, que se celebrará en Burela e en toda a Mariña Lucense ao longo deste xoves, 5 de decembro
Burela, 4 de decembro, 2024. A Fundación Expomar volve poñer en valor a importancia da cultura mariñeira de Burela coa celebración do segundo “Día do Orgullo Mariñeiro”, que volverá combinar este xoves 5 de decembro a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar.
Como novidade, á promoción gastronómica únense este ano 15 locais de hostalería de Acia Burela, co obxectivo de ir abrindo cada vez máis esta celebración a máis xente e poder chegar a tódolos públicos.
“Orgullo Mariñeiro nas Escolas”
O día comezará nos comedores escolares de oito colexios públicos da Mariña Lucense, onde máis de 700 nenos e nenas comerán ese día filetes de “Merluza de Burela” nos seus menús. Carmela López e Antonio Basanta, en representación da Fundación Expomar, do Concello de Burela e da Consellería do Mar, visitarán unha cociña e un comedor escolar durante esta xornada.
“Orgullo Mariñeiro na Memoria”
A segunda parte da xornada celebrarase pola tarde no auditorio da Casa da Cultura de Burela, coa charla-coloquio titulada “Mirando a popa e mirando a proa”, na que distintas personas vinculadas á historia do Mar de Burela falarán das súas experiencias. Nela participarán mariñeiros e as súas familias, ruleros, supervivintes de naufraxios, compradoras de peixe, estivadoras e outros traballadores do porto.
A xornada cultural completarase coas intervencións da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e do director xeral de Pesca da Conselleríao do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta.
“Orgullo Mariñeiro Musical”
A actuación do grupo musical “Medio Quinhón” servirá de enlace entre o acto no auditorio e a festa gastronómica, cun pasarrúas desde a Casa da Cultura ata a carpa na Praza da Mariña.
“Orgullo Mariñeiro na Praza”
A partir das 8 da tarde, a carpa do Nadal de Burela acollerá unha celebración gastronómica popular, con degustación gratuíta de receitas elaboradas con diferentes especies da lonxa de Burela.
“Orgullo Mariñeiro nos Bares”
Como novidade deste ano, a hostalería local de Acia Burela colabora na celebración, na que ata 15 locais ofrecerán esa noite diferentes tapas e pratos de “Merluza de Burela”.
Esta acción está organizada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello de Burela, e cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).