Na reunión mantida onte co Secretario de Estado de Medio Ambiente e a Directora Xeral da Auga, o goberno municipal logrou o compromiso de inicio dos traballos para a posta en marcha do procedemento de participación de Acuaes na construción da EDAR
Barreiros, 11 de decembro de 2024. A Secretaría de Estado de Medio Ambiente, dirixida por Hugo Morán, comprometeu onte o inicio das actuacións para que a empresa pública estatal ACUAES poida financiar e executar a construción da EDAR en San Miguel.
Na reunión mantida no Ministerio para a Transición Ecolóxica pola alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida -acompañada da segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, e o concelleiro de Medio Ambiente, Dámaso Ratoeira,- co Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e a Directora Xeral da Auga, María Dolores Pascual Vallés, trasladouse a posibilidade de iniciar esa vía ante o desentendemento da Xunta de Galicia.
A alcaldesa amosou a súa “satisfacción e unha alegría inmensa por comezar a ver unha luz nun asunto que parecía encallado e condenado a non solucionarse, se non se avanzaba na aportación da Xunta de Galicia”.
Ana Ermida agradeceu “a receptividade e a empatía amosada polo departamento ministerial e, en concreto, polo Secretario de Estado e a Directora Xeral da Auga; que abren a vía a contar cunha nova EDAR que poida dar solución a unha problemática existente en Barreiros desde hai décadas e que ninguén parecía abordar con seriedade”.
A rexedora lembrou que desde este goberno municipal levan cinco anos xestionando esta cuestión e trasladando a todas as instancias a situación, a fin de chegar a un punto que permita facer realidade unha das obras máis necesarias no municipio, que afecta ao saneamento das parroquias de San Miguel e Reinante. “Hai que ir paso a paso. E o primeiro será a visita do persoal técnico de ACUAES para coñecer a situación e o terreo e facer as previsións técnicas e económicas para desenvolver o proxecto” .
Ermida cre que é o “primeiro paso que nos pode levar a unha solución definitiva” e traslada que continuarán buscando financiación por todas as vías para tratar de reducir ao máximo a aportación que teña que facerse por vía municipal. Neste sentido, avanza que “unha vez que se teñan feitos os primeiros cálculos de actualizacións e de proxecto, continuaremos coas xestións con outras administracións para a aportación de fondos e constatar o compromiso real con Barreiros e a súa veciñanza”.