As obras financiaranse por medio dun convenio asinado co área de Rural da Deputación, que tamén inclúe a redacción dun proxecto para a substitución das tubaxes principais entre o depósito de San Caetano e o da Folgueirosa
Barreiros, 20 de decembro de 2024. O Concello de Barreiros vén de asinar un convenio coa área de Rural da Deputación co que poderá afrontar obras coas que se busca incrementar a capacidade da rede de abastecemento. Ao mesmo tempo, e cun claro obxectivo de mirar cara ao futuro, realizarán o proxecto para a substitución das tubaxes principais que unen o depósito de cabeceira en San Caetano co depósito da Folgueirosa, o principal na distribución da zona norte do municipio.
A alcaldesa, Ana Ermida, destaca a importancia deste investimento “que vén a dar continuidade ao esforzo que se está realizando en adecuar, neste caso, o servizo de abastecemento de auga ás necesidades actuais; pero, sobre todo, coa vista posta no futuro.” A rexedora explica que “todo o traballo que se realiza faise pensando no desenvolvemento deste concello, planificado e intentando anticiparse ás situacións que poden darse. Non renunciamos ao crecemento e ao desenvolvemento de Barreiros, é máis: cremos e apostamos por el; pero non pode tirarse cara adiante sen unha planificación e hipotecar a quen veña detrás.” Fai deste xeito referencia á situación coa que se atoparon nos servizos básicos á súa chegada ao goberno, “cuns servizos sobrepasados, non dimensionados ás necesidades e que afectan ao normal desenvolvemento municipal”.
No convenio asinado prevese, ademais da redacción do proxecto, un total de 21 actuacións; entre as que destacan a impermeabilización do depósito de Merille -un depósito cuxa capacidade estaba arredor dun 10% da prevista polas importantes perdas de auga que tiña-, que servirá como punto intermedio de acopio para auga potable; a substitución das acometidas públicas nas vivendas sociais de San Cosme -que están realizadas en ferro e sobre as que non se actuou desde a súa instalación, co deterioro que iso supón- e a substitución de tramos de tubaxes existentes en fibrocemento que, pola antigüidade das mesmas, acumulan importantes fugas e afectan ao abastecemento.
A concelleira de Saúde Pública, Montse Porteiro, explicou que “estas obras son cuestións fundamentais para optimizar o funcionamento do sistema e dan continuidade a outras actuacións que se foron realizando nos últimos anos, como a impermeabilización do depósito da Barranca, a substitución de chaves de paso en tubaxes ou o cambio de traxectos do subministro; que permitiron reducir notablemente a perda de auga tratada que había no momento en que chegamos ao goberno, cando só se aproveitaba arredor do 10% da auga que se trataba, co que iso supón de perda tanto a nivel ecolóxico como económico”.