Celebrarase o xoves 19 de decembro nas Escolas de San Cosme e está financiado pola Área de Medio Rural da Deputación de Lugo
Barreiros, 18 de decembro de 2024. O Concello de Barreiros acolle a celebración do IV Consello Alimentario do Eo que se celebrará o xoves 19 de decembro nas Escolas de San Cosme. Este evento está financiado pola Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, amósase orgullosa porque Barreiros fora elixido como sede para a celebración deste evento, “o que afonda na referencialidade do noso Concello neste ámbito e dá continuidade aos compromisos deste goberno na mellora da educación alimentaria que se lles está a dar ás nosas crianzas e na que somos un concello pioneiro.” A rexedora explica que “os obxectivos que comparten coa posta en marcha deste modelo son, a maiores de acadar un estado óptimo de saúde e desenvolvemento, actuar como axentes promotores de condutas saudables”.
Neste Consello Alimentario participarán numerosos axentes do territorio como gobernos locais, organizacións sociais e sindicais, grupos de desenvolvemento rural, mancomunidades, Deputación, centros escolares, centros de investigación etc., que fomentan uns sistemas alimentarios locais respectuosos co medio ambiente, sostibles, inclusivos, seguros e diversificados e que aseguran unha alimentación saudable, sostible e accesible ao conxunto da poboación, potenciando asemade o emprego local.
A concelleira de Igualdade, Educación e Saúde Pública, Montse Porteiro, explica que “será un acto eminentemente participativo co obxectivo de establecer conexións entre os sectores implicados, propoñer actuacións para mellorar o sistema alimentario local, promover o desenvolvemento da economía local e garantir o dereito á alimentación”. A través de 4 grupos de acción poderase participar activamente en ámbitos como a produción agroecolóxica, o consumo de proximidade, a cultura da alimentación ou a gobernanza participativa, temas nos que o Concello de Barreiros está involucrado desde o inicio deste goberno municipal.
O Consello Alimentario é un órgano consultivo e de participación que ten como obxectivo promover un sistema agroalimentario local sostible, saudable e xusto a partir dos compromisos que se recollen na Estratexia Alimentaria da Biorrexión do Río Eo 2022-2026 da cal somos parte. O goberno de Barreiros amosa así a súa implicación nas políticas dirixidas ás persoas e que inciden directamente na saúde comunitaria, participando activamente en todos os procesos desde a orixe do produto ata o último paso da elaboración dos alimentos con procedementos culinarios saudables.
A alcaldesa de Barreiros da a benvida a todas e todos os asistentes e deséxalles que esta xornada sexa satisfactoria tanto a nivel individual como colectivamente a maiores de marcar un antes e despois en aspectos de saúde e tamén no avance da igualdade e xustiza social.