Lugo, 27 de decembro de 2024. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe co coordinador da Moexmu e da Feira da Filloa de Muimenta, José Manuel Rus, a quen lle reiterou o apoio do Goberno galego a estes dous eventos, que se celebrarán en abril e maio do vindeiro ano, respectivamente.
Arias aproveitou para felicitar á Mostra Exposición de Muimenta polos premios que recibiu recentemente, entre eles o primeiro premio na categoría de Proxectos relacionados co ámbito agrogandeiro que lle foi outorgado este mesmo mes de decembro nos XV Premios ao Desenvolvemento Rural, que concede a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). De igual xeito, trasladoulle a José Manuel Rus o agradecemento polo diploma recibido en recoñecemento ao apoio que o Goberno galego ten prestado á organización da feira multisectorial ao longo dos seus 40 anos de historia.
O delegado territorial louvou a relevancia da Moexmu, “unha das feiras decanas de Galicia, que combina tradición e innovación e que conseguiu converterse nunha referencia anual tanto para profesionais como para público en xeral interesado no sector agrogandeiro, dando visibilidade ao medio rural e contribuíndo á dinamización económica e social de toda a comarca”.