O voceiro popular critica que con todos estes convenios e decretos de presidencia “unicamente se beneficio a amigos do PSOE e do BNG” xa que “os documentos amosan que no que vai de ano destinaron 0€ a municipios gobernados polo PP”
Lugo, 9 de decembro de 2024. O PSOE e o BNG repartiron a dedo “sen ningún tipo de criterio obxectivo” no que vai de 2024, polo menos, 9.000.000€ en 68 convenios e decretos de presidencia “entre os seus afíns”, unha cantidade que nas próximas semanas aumentará notablemente no que se coñece “como as pedreas e o gordo de fin de ano do goberno provincial para os seus amiguetes”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “PSOE e BNG seguen a discriminar” a máis da metade dos veciños da provincia xa que “con esta forma de actuar, totalmente subxectiva e beneficiando a quen eles queren o que están a facer é fomentar as desigualdades dentro da provincia”.
“Os números son os que son e semella que lles dá vergoña facelos públicos porque moitos dos convenios e decretos os agochan das roldas de prensa e das notas de prensa. Non lles dan publicidade porque se lles cae a cara de vergonza”, explicou.
No que vai de 2024 o 81% dos convenios aprobados en xunta de goberno provincial foron con concellos gobernados polo PSOE mentres que non houbo ningún para concellos gobernados polo Partido Popular.
Da análise dos convenios asinados extráense conclusións moi chamativas, como que “queren axudar a determinados concellos en determinadas actuacións, privando ao resto de municipios de ter as mesmas oportunidades”.
Antonio Ameijide refírese a que dentro dos convenios asinados hai conceptos como o pago de orquestras ou gastos correntes, “algo ao que se negaron tanto PSOE como BNG a que se incluíse dentro do Plan Deputación”. “Din non cando se propón incluír estes gastos nas bases do Plan Deputación, pero o que en realidade queren dicir é que non queren axudar nestes sensos a todos os concellos, só axudar aos gobernados por PSOE e BNG, de aí a sinatura dos convenios”, denunciou.
“A realidade é que a Deputación está para colaborar con todos os concellos, de forma igualitaria, non de forma sectaria como fan PSOE e BNG xa todos os municipios teñen necesidades pero José Tomé segue negándose a atendelas en función da cor política do alcalde que goberna cada municipio”, lamentou, ao que engade que “un trato desigual que se pode ver nalgo tan simple como que segue negándose a atender as peticións de entrevista realizadas polos alcaldes do Partido Popular”.
Antonio Ameijide destaca que esta forma de actuar xa a deixaron clara no último pleno, cando dende o goberno provincial “falaron abertamente e sen ruborizarse de que na provincia había veciños en xeral e veciños do Partido Popular”.
UNHA PROVINCIA A DÚAS VELOCIDADES
Antonio Ameijide denuncia que o que queren impoñer tanto PSOE como BNG “é unha provincia de dúas velocidades, a que gobernan PSOE ou BNG e o resto da provincia”.
O voceiro provincial popular afirma que “como Tomé non ten altura de miras suficiente para dar un trato igualitario á provincia non nos queda máis remedio que ser extremadamente duros e fiscalizadores e esixirlle limpeza” xa que analizando a documentación comprobamos que “non basta con ser do PSOE ou do BNG, senón que tamén hai que ser amigo”.
Na documentación analizada vese “ese dobre raseiro” xa que no Concello de Antas de Ulla, cunha alcaldesa do círculo máis próximo a Tomé, vese como se asina un convenio por valor de 619.067,23€, poñendo a Deputación 618.967,23€ e o Concello 100€; mentres que noutro convenio, asinado co Concello de Castroverde, esíxenlle ao alcalde que poña a metade do investimento. “Hai amigos, compañeiros de partido e inimigos para o presidente”, afirmou.
UN PRESIDENTE SEN PROXECTO E NERVIOSO
Antonio Ameijide denuncia que mentres Tomé “se perde nas descualificacións, dende o PP seguimos coa mesma política, revisando os números e traballando polos veciños, ata acadar a igualdade na provincia xa que temos un goberno provincial caduco, sen ideas e un presidente nervioso e en branco e negro”.
“A realidade é que Tomé está tan nervioso que ten que recorrer a este tipo de convenios porque é o único medio que ten para comprar apoios. É tan grande a inxustiza, que a este tipo de manobras nunca lle dan publicidade nas roldas de prensa da xunta de goberno porque lles avergonza”, sentenciou.