Site icon Crónica3.com A Mariña

Ameijide: “Co seu voto en contra, PSOE e BNG recoñecen que non teñen intención de abrir as residencias comprometidas aos veciños de 10 municipios da provincia”

Ameijide lembrou que “os documentos do goberno evidencian que non van abrir as residencias” toda vez que “o orzamento redúcese en preto de 100.000 euros para os centros de maiores” polo que “dificilmente con menos recursos se poderán abrir novos centros” como o de Becerreá que leva 3 anos rematado e para o que os veciños presentaron reclamación aos orzamentos que o goberno de PSOE e BNG rexeitaron

Lugo, 27 de decembro de 2024. O portavoz do PP na Deputación, Antonio Ameijide, condena que “o goberno provincial de PSOE e BNG vote abertamente en contra” de impulsar de forma decidida a construción e apertura dos centros de atención a maiores comprometidos aos veciños de 10 municipios da provincia. É dicir, “confirman que non teñen intención de abrir este ano a residencia comarcal de Becerreá (que leva tres anos rematada e pechada por capricho político) nin ningunha outra comprometida”.

O portavoz explicou durante a súa intervención que “atrasan con novas prórrogas o remate das obras de construción dos centros de atención a maiores de Guitiriz (onde o goberno provincial deixou caer a Casa da Botica) e A Pontenova, como mínimo, ata xullo e agosto do 2025, respectivamente”. A da Pobra de Brollón está actualmente en construción, pero o goberno provincial non a inclúe dentro das súas previsións para abrir neste mandato “ou se esqueceron dela, como dos centros de día porque non está en marcha ningún”.

Ameijide subliñou que “non teñen ningunha intención de abrir ningunha residencia no 2025 porque os seus propios orzamentos os delatan: na súa resposta ás alegacións presentadas polos veciños de Becerreá falan de remanentes dos que o único que sabemos é que cobran por eles intereses nun banco, pero non establecen partidas orzamentarias con nomes e apelidos e, incluso, baixan fondos para servizos sociais”. Concretamente, preto de 100.000 euros aos centros de atención a maiores. “Se retiramos recursos para o mantemento das que están en funcionamento, dificilmente con menos recursos se poderán abrir outras novas”, incidiu. “Fai un ano chamábanme mentiroso cando fai practicamente un ano dicía que este goberno provincial non tiña intención de abrir a residencia de Becerreá nin ningunha outra durante o 2024; pero, lamentablemente, o tempo deunos a razón e non me equivoco se afirmo que tampouco abrirán ningunha no 2025”.

Se ben nos tres concellos que están as residencias en obras “poden ter a esperanza de ver ladrillos e traballadores nas obras”, para outros que cumpriron a súa parte, “as esperanzas estanse rematando”. É o caso dos centros de atención a maiores de Folgoso do Courel -sobre a que o goberno provincial nin responde aos escritos da alcaldesa- e Portomarín con convenios asinados no 2018 e 2023, respectivamente. Estas residencias contan con “ubicación, proxecto, licencia e compromiso económico do Concello; pero seguen agardando”.

“E nada se sabe dos centros de atención a maiores comprometidos para Cervantes, Pantón, Ourol e O Saviñao” para os que todas teñen convenio e ubicación; “pero nin proxecto, nin datas e, ata o momento, case nin esperanzas”, engadiu o popular.

Ameijide advertiu de “sectarismo” do goberno provincial de PSOE e BNG “tamén en materia de construción de residencias: ningunha posta en marcha en Concellos gobernados polo Partido Popular” e incidiu en que “é curioso que os compromisos só se cumpren cando a ideoloxía do alcalde está curiosamente escorada cara un lado e, aínda estando ao tanto das cotas de afiliación dos partidos de goberno, hai alcaldes aos que tampouco lles están cumprindo os compromisos con rigor e coa axilidade que lles prometera”.

Por outra banda, dixo que “a Xunta demostra sectarismo cero: a última residencia que abriu na provincia foi na cidade de Lugo gobernada por PSOE e BNG e está rematando a construción da residencia de Antas de Ulla”, concello gobernado por unha deputada socialista do goberno provincial. Ademais, sinalou que a Xunta está traballando para dotar de máis prazas financiando a construción doutras residencias coma as de Riotorto e Abadín.

ALTRI

Ameijide destaca que “o sectarismo do BNG non contase, nesta ocasión, co voto a favor do PSOE que se aliña co Partido Popular en respectar o cumprimento da lei”. Así, a iniciativa do BNG saíu rexeitada co voto en contra do PP e a abstención do PSOE.

O portavoz popular subliñou que “hai que agardar a resolución dos técnicos e, no caso de que o proxecto de Altri para a implantación dunha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei obteña tódolos informes favorables das distintas administracións, terá que ser autorizado”, explicou. Do contrario, “sería prevaricación”.

Ameijide advertiu que a iniciativa do BNG pide claramente incumprir a lei: “no punto 2 piden dirixirse á Xunta de Galicia para que informe negativamente o proxecto” polo que sería pedir “de forma directa, consciente e pública a funcionarios e cargos públicos que cometan un delito tipificado no Código Penal como prevaricación”.

O popular lembrou tamén as “manipulacións” do BNG: cando empregaron unha foto dun país asiáticos para alarmar sobre os pellets nas praias de Galicia e, precisamente en relación a Altri, co uso dunha “foto editada para colocar unha fábrica nun punto onde non está ubicada”. Así mesmo, incidiu en que “o BNG tamén estaba no 1999 en contra de Alcoa e agora colócase detrás das pancartas”.

OUTROS ASUNTOS

En materia de transporte por estrada, os populares rexeitaron a proposta do PSOE ao considerar que “pretenden esixir a outros o que quita o Goberno de Sánchez en Madrid”.

Na provincia de Lugo son nove os concellos excluídos do novo mapa estatal (Chantada, Guitiriz, Monterroso, Palas de Rei, Quiroga, Baralla, A Pontenova, Meira e As Nogais). “Gustaríame saber como lles explican os alcaldes socialistas aos seus veciños que Sánchez retira paradas e que iso é unha boa medida para eles. Todo por defender ao número un”, expuxo o popular. “Falan de abaratar custes, pero preguntámonos a quen porque os usuarios terán que mercar, como mínimo, dous billetes para desprazarse a localidades ás que antes si podían viaxar nunha única liña”, engadiu.

Ameijide considera que “a provincia de Lugo continúa illada e, mentres, vostedes aplauden. Tanto PSOE coma BNG porque os nacionalistas son responsables de que Sánchez continúe a facer dano á provincia”. E preguntou ao PSOE se “lle van dar outra medalla ao señor Puente por quitarnos tamén o bus”.

Por outra banda, os populares censuran que o PSOE votara en contra de que o Goberno de España informe con transparencia sobre a situación de Muface e garanta a atención aos mutualistas licitando de forma urxente o concerto para impedir que impacte nos sistemas públicos autonómicos. Esta iniciativa do Grupo Popular saíu aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do BNG.

Os deputados populares tamén pediron que a Deputación inicie un proceso público de cesión dos bens almacenados na nave de Begonte para que todos os concellos ou entidades interesados en darlles uso poidan facelo de forma gratuíta e tamén que a Deputación esixa ao Goberno de Sánchez, responsable de Adif, dar acceso a vivendas e propiedades en Santo Estevo (Pantón) onde os veciños quedaron illados como consecuencia das obras na vía do ferrocarril.

Exit mobile version