Un xenocidio é un unha guerra a morte contra un grupo concreto. Non entre dous grupos, senón ‘contra un’. Algo que remata sendo unha guerra unidireccional, totalmente asimétrica, na que un grupo mata e outro morre, salvo algunha excepción que, como tal, dise que ‘confirma a regra’.
Por iso é difícil ver o xenocidio como guerra, pola asimetría. Por outra banda, mesmo é difícil para algunha sente velo, a secas: a asimetría fai que se vexa a quen ataca, pero non a quen morre. Non a quen ataca. Quen morre permanece na sombra, non exactamente oculto, senón con contornas non ben definidas, cunha existencia tal unha pantasma que non chega a existir realmente, que non ten existencia real como persoa. E, polo tanto, que non ten os atributos de persoa. Os dereitos de persoa. Que, á vista dos atacantes e quen escoita e comunga coa súa narrativa, xa perdeu o dereito a ser considerado, xa é ninguén, xa morreu antes de ser matado fisicamente. Ese mesmo esvaecemento dos que sofren o xenocidio fai que quen o comete non sexa visto como xenocida. Algo así como ‘se non aparece o morto, non se pode dicir que haxa un criminal’ que se ve nas películas da serie negra.
Algo que non se pode amañar só coa falta dunha guerra declarada. Así, no caso palestino, Israel non ten que declarar a guerra, non ten sentido que o faga, a un territorio que controlaba xa previamente. De feito, non pode: quen declara a guerra a algo que di que é del mesmo?. Pero é que a paz non é a ausencia dunha guerra visible (aínda que no caso citado, hai visibilidade abonda de morte e destrución, mesmo en directo). De feito, hai quen lle pon adxectivos para destacar con énfase iso: unha paz ‘xusta’. Unha paz ‘na que todos teñan os mesmos dereitos’. Unha paz ‘igualitaria’…
A guerra comeza antes de que estale a propia conflagración bélica, enturbando a paz, poñendo as bases para que a loita sexa unha solución plausible. O xenocidio ten as súas bases abondo antes da primeira morte. Bases que se poñen cando se comeza a dicir que a desigualdade -e non hai dúas persoas iguais- fai que os dereitos duns e outros sexan diferentes. Cando se xera animadversión e logo, odio, ó diferente. Cando se deixa de consideras ó outro como persoa. E, ó consideralo como cousa, pódese facer con el o que se queira, mesmo desfacerse del. Xa non hai empatía, só utilitarismo a disposición de odios varios.
Bo Nadal. E na Terra, paz… Só á xente de ‘boa vontade’?