Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares viaxa a Bruxelas para seguir o Consello de Agricultura e Pesca da Unión Europea no que se decide as TAC e cotas para o 2025

O responsable autonómico manterá, de xeito paralelo, unha axenda de encontros con representantes comunitarios e do sector co obxectivo de explicar a posición do Goberno galego neste novo mandato comunitario

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, viaxa este luns a Bruxelas con motivo do Consello Europeo de Agricultura e Pesca, no que participan os ministros do ramo dos Estados membros, onde se negociará a proposta da Comisión os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas para o 2025 en augas competencia exclusiva da Unión Europea.

Será o primeiro cumio presidido polo novo comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, tralas eleccións europeas do pasado mes de xuño, e que mantivo un encontro informal co titular de Mar o pasado mes de novembro. Nesta estadía en Bruxelas, Villares manterá unha intensa axenda de contactos con representantes comunitarios e do sector co obxectivo de explicar a posición do Goberno galego neste novo mandato comunitario.

Tamén vai a insistir na demanda de que a decisión do Consello e do Executivo comunitario sexa adaptada á sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europeo (TXUE) do pasado mes de xaneiro e que recoñece a necesidade de atender dun xeito equilibrado os factores medioambientais, sociais e económicos á hora de fixar as posibilidades de pesca.

Nesta liña, o conselleiro do Mar trasladou no último Consello Consultivo de Políticas Agrícolas e Pesqueiras para Asuntos Comunitarios o informe do Goberno galego que revela un impacto xeral da proposta de rebaixa de capturas de pescada no Gran Sol, do 28% sobre a cota actual, e que acumula unha minoración de 4.287 toneladas, estimándose que tería un impacto económico de preto de 74 millóns de euros na economía galega.

O responsable pesqueiro autonómico considera esencial levar a voz da principal rexión pesqueira de Europa á capital comunitaria nun contexto complexo e no que se pretende mudar a liña de traballo excesivamente medioambientalista dos últimos anos cara unha política pesqueira máis equilibrada que permita garantir a sustentabilidade e competitividade do sector que representa preto do 5% do PIB galego e do que dependen ao redor de 50.000 empregos na comunidade.

Exit mobile version