Considera que estes entes son claves para axudar a impulsar proxectos innovadores na busca do equilibrio entre o capital e o uso dos recursos mariños de cada zona
Por este motivo, a Consellería que dirixe Villares organizou a xornada As estratexias de desenvolvemento local participativo promotora da Economía Azul. Trátase, segundo remarcou o titular de Mar, dun foro no que poñer en común o traballo que se está a realizar neste senso e que permitiu materializalo en proxectos moi vinculados ao territorio. Un espazo, en definitiva, para coñecer proxectos transformadores que impulsan a sostibilidade e o desenvolvemento local, e que dá visibilidade e identifica novas oportunidades nos diferentes sectores que permitan conxugar a sustentabilidade marítimo-pesqueira e o crecemento económico.
Este encontro enmárcase na Estratexia da Economía Azul de Galicia aprobada pola Xunta como elemento imprescindible para a súa planificación, dadas as condicións xeográficas e a importancia histórica, económica e sociocultural do litoral galego. Un documento que reflexa a importancia dos sectores como a pesca, a transformación, o sistema portuario ou o turismo costeiro como motores fundamentais de crecemento económico. E que mostra como a comunidade está moi ben situada para liderar áreas innovadoras, o que pode diversificar a súa economía e xerar novas oportunidades de emprego.
Deste xeito, a EAG permitirá impulsar novas oportunidades económicas e colaborativas ao tempo que axuda a protexer os ecosistemas mariños, garantindo recursos para as xeracións futuras, sobre tres obxectivos principais: integrar as actividades que a conforman mediante conectores de innovación, situar os sectores emerxentes como referentes internacionais e garantir a sostibilidade e a circularidade da pesca, o marisqueo e a acuicultura, como actividades núcleo.
Máis de 20M€ en 2025
Os oito Galps engloban a máis de 400 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos. Destas, preto dun cento pertencen ao sector pesqueiro representando a máis de 13.000 profesionais do mar. Precisamente, e dada a súa vinculación co territorio, nos Orzamentos de 2025 a Consellería realiza unha clara aposta polo seu impulso e contempla unha partida de máis de 20 millóns de euros para o desenvolvemento destes entes.
Desenvolvemento da xornada
O foro incluíu unha mesa redonda sobre o papel dos Grupos de Acción Local como motores da economía azul, coa participación dos xerentes dos GALP Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro-Norte, Costa da Morte e Costa Sostible. Tamén se presentaron distintos proxectos inspiradores. Foi o caso de Mobiliario de formigón reciclado producido con cáscara de mexillón, do Golfo Ártabro Sur; Bitácora. Medidas para a posta en valor do patrimonio pesqueiro e fortalecemento da identidade da Ría de Arousa, do Grupo desta zona de pontevedresa; e Equipamento para o acondicionamento dos bancos de marisqueo e mellora da biodiversidade, do GALP Ría de Pontevedra.