Dende a directiva de Acisa sinalan: “desde a asociación facemos unha valoración moi positiva do anuncio feito pola Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Cultura, da subvención de 23.000 euros que imos recibir para os gastos derivados da coorganización do Ribadeo Indiano 2025. Queremos agradecer o recoñecemento que supón para nós como motor importante do tecido económico e social da vila”.
Lembran que “levabamos moitos anos traballando para poder optar a ela”. E engaden desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos que “esta subvención servirá para que dende Acisa poidamos facer fronte á grande inversión que dende o primeiro Ribadeo Indiano vimos facendo nesta actividade transcendental para os negocios ribadenses, e ademais poder aumentala para así ofrecer máis e mellores servizos aos nosos socios e socias e ampliar a nosa achega á programación do evento”.