O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que supoñen novas oportunidades laborais para 36 persoas desempregadas, 16 delas inscritas no sistema de garantía xuvenil
Ribadeo, 13 de decembro de 2024. A Xunta de Galicia inviste 880.500 euros nos dous obradoiros de emprego que comparten os concellos de Ribadeo e Barreiros, nos que se forman 36 persoas desempregadas en distintas especialidades con demanda no mercado laboral.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á inauguración do obradoiro dual “Constrúe en verde”, que conta con 10 alumnos en Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e outros tantos en Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais.
Ademais, desde o pasado mes de outubro e durante un ano estará en marcha o obradoiro “Máis emprego”, con 16 alumnos menores de 30 anos procedentes do sistema de garantía xuvenil; oito fórmanse en Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e a outra metade en Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais.
Os participantes do obradoiro de emprego son contratados para formarse e adquirir experiencia profesional en sectores con elevada demanda laboral. No caso da iniciativa que hoxe bota a andar, traballarán 9 meses no obradoiro e a continuación incentivarase a súa contratación por un período de tres meses en empresas locais, co fin de facilitar o primeiro achegamento ao mercado de traballo nas especialidades aprendidas.
Traballos a realizar
Os obradoiros de emprego realizan obras e servizos de interese xeral en beneficio dos veciños e veciñas dos concellos promotores. En concreto, o alumnado do proxecto “Constrúe en verde” acometerá labores de conservación e recuperación da Muralla do Forte de San Damián, das antigas escolas de Vilamar ou do antigo edificio do Motor club, entre outros.
Tamén levarán a cabo a limpeza de rúas, praias e instalacións e equipamentos industriais, como a nave municipal de obras de Ribadeo situada na parroquia de Vilaselán ou espazos do punto limpo de Barreiros.
Igualmente, van aplicar limpezas exteriores e interiores e tratamentos de solos, paredes e teitos en distintos inmobles de titularidade municipal, como a oficina de turismo, auditorio e cine-teatro de Ribadeo, ou a Casa do Concello e o centro sociocultural en San Cosme de Barreiros.
Por último, traballarán na xestión de residuos urbanos, cunha campaña de sensibilización sobre a sostibilidade, e na xestión de residuos industriais no punto limpo de Barreiros.