O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinala que en ningún caso se dubida do arraigo e importancia do evento, senón que o expediente arquívase por desistencia do promotor ao non achegar documentos xustificativos suficientes
Lugo, 4 de decembro de 2024.- A Xunta de Galicia explica que o Concello de Vilalba non achegou a documentación necesaria para poder declarar Festa de Interese Turístico de Galicia a Feira do Capón, o que obrigou a resolver o arquivo do expediente por desistencia da Administración local como promotora da iniciativa.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliña que o Goberno galego “non denega a solicitude, e moito menos cuestiona os méritos da feira, senón que arquiva o expediente porque o Concello presentou unha solicitude incompleta e non a emendou tal e como se lle requiriu durante o procedemento. Isto non significa que non poida acadar ese recoñecemento nin que non o mereza. De feito, o Concello de Vilalba ten a posibilidade de presentar unha nova solicitude que será avaliada”, insistiu Arias.
O delegado explicou que a solicitude inicial do Concello -presentada o 8 de agosto deste ano- non acreditaba cuestións como a antigüidade e a singularidade da festa ou o arraigo e a implicación da poboación local. O 5 de setembro envióuselles un requirimento para que achegaran a documentación necesaria, pero a resposta municipal tampouco xustificou de forma suficiente eses aspectos.
Dado que desde o 23 de setembro non remitiron novos documentos, e ante a imposibilidade de continuar coa tramitación do expediente, Turismo de Galicia resolveu ter por desistido ao Concello da súa petición e proceder ao arquivo da solicitude, sen prexuízo de que poidan presentar unha nova unha vez que poidan acreditar o cumprimento de todos os requisitos e criterios de valoración establecidos na normativa reguladora.
Neste sentido, Javier Arias amosa a disposición do Goberno galego “a asesoralos en canto sexa preciso no caso de que inicien un novo proceso, de forma que poida aprobarse a declaración porque sería un orgullo para Lugo sumar outra cita de interese turístico galego”.