María José Gómez reuniuse esta mañá co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, para estudar vías de colaboración en materia de mellora de infraestruturas e servizos rurais ou rehabilitación de fontes, entre outras cuestións
Lugo, 13 de decembro de 2024. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega. Nesta xuntanza, que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, afondaron nas vías de cooperación a prol do desenvolvemento rural deste municipio.
Deste xeito, analizáronse posibles actuacións en materia de mellora tanto de infraestruturas, camiños rurais e pistas forestais, como de servizos como o matadoiro, co obxectivo de dinamizar os núcleos de poboación e favorecer a economía local. A maiores, tamén se avaliaron potenciais proxectos encamiñados á rehabilitación de fontes na localidade.
Por último, tamén se estudaron dúas iniciativas dirixidas, por un lado á promoción dos produtos agroalimentarios de proximidade no ámbito educativo, e por outro a posibilidade de dispoñer dunha parcela experimental destinada a mellorar a capacitación dos gandeiros.