O apoio enmárcase no Plan específico de acción comunitaria, dotado este exercicio con 3 millóns de euros e que incrementa o seu orzamento nun millón para 2025
No caso da nosa Señora das Angustias de Soexo as obras permitiron mellorar a climatización e o aforro enerxético, así como a accesibilidade da casa-escola. Nesta liña, instalouse unha estufa de pellets e adaptouse o baño para ser utilizado por persoas con mobilidade reducida. A maiores, pintouse o interior e o exterior do local.
Pola súa banda, a asociación San Simón mellorou tamén a accesibilidade da súa casa-escola, coa adaptación dos baños para persoas con mobilidade reducida, instalando unha rampla e barras adaptadas, ademais de cambiar as pezas para facelas tamén accesibles. Tamén se reparou a balaustrada do edificio e se instalou unha fosa séptica.
Segundo sinalou a directora xeral, o obxectivo das medidas é garantir o benestar das persoas usuarias no desenvolvemento das múltiples actividades organizadas por estas entidades, “fundamentais para a dinamización da vida social e cultural da veciñanza”.
Estes dous colectivos forman parte das 341 entidades beneficiarias dos 3 millóns de euros concedidos este exercicio a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas de Galicia. Durante a visita, Natalia Prieto sinalou que o compromiso da Xunta con asociacionismo local fai que o vindeiro ano se incremente o orzamento da medida nun 33,3% ata os 4 millóns de euros. “Trátase así de darlle resposta ao éxito destas axudas nos últimos anos e á elevada demanda”, segundo apuntou a directora xeral. “Queremos tamén recoñecer o papel fundamental destas entidades na calidade de vida na contorna local”, engadiu.
Apoio para obras e equipamento
Cómpre lembrar que estas axudas contan con dúas liñas, unha delas cunha achega máxima de 12.000 euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, parámetros interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, saneamento ou electricidade.
Ademais, con estas axudas nas infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas actúase en obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga e noutros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída de augas.
A outra liña vai destinada cun máximo de 5.000 euros á dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades e a organización de actividades específicas, o que inclúe a adquisición de mobiliario, equipamento informático, audiovisual ou sistemas de climatización.