Antonio Basanta expón no Parlamento que este esforzo inversor está cifrado en 20M€
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024. A Xunta aumenta en 2025 nun 80% os fondos destinados á mellora da comercialización dos produtos marítimo-pesqueiros e acuícolas, ata chegar aos 20 millóns de euros. Así o expuxo este venres no Parlamento de Galicia o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, quen relatou a aposta que vén realizando a Administración autonómica neste eido, pois, en 2024, o Goberno galego xa aumentou nun 30% o investimento destinado á valoración e á internacionalización do peixe e marisco, cun investimento de 11 millóns de euros.
Neste senso, Basanta puxo en valor iniciativas como a campaña Galicia Sabe AMAR, que, ademais das coñecidas foodtrucks, inclúe outro tipo de actuacións como a participación da Consellería do Mar en máis de 100 foros, eventos e feiras, e o proxecto pioneiro de desenvolvemento de xornadas de coñecemento dos produtos e a súa difusión en prazas de abastos e mercados locais, con probado éxito e que se repetirán en 2025. Asemade, tamén dirixido ao consumo interno galego e español, destacou o impulso dunha liña concreta para a identificación e diferenciación do produto en colaboración coas entidades asociativas de transformación e comercialización; os convenios de colaboración cos Consellos Reguladores do Mexillón de Galicia e da Agricultura Ecolóxica; con CONXEMAR, Interfish, ANFACO, a Asociación Galega de Depuradores de Moluscos e o Clúster de Alimentación de Galicia.
Neste compromiso coa valorización, tamén se avanzou na promoción de eventos ligados ao movemento slowfood, a formación como elemento de difusión e competitividade en colaboración con CLUSAGA e, co fin de reforzar a posición do produto no exterior, afianzouse a presenza coa participación en eventos coma a PLMA Chicago ou a Fancy Food das Vegas. Ademais, tamén se buscaron sinerxias de comercio exterior con Estados Unidos , China ou Corea.
732.000€ para impulsar a acuicultura
Antonio Basanta, e en resposta á pregunta formulada na mesma Comisión, detallou a resolución das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 25 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, para a fomentar a innovación, a mellora tecnolóxica e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
En total, 732.000 euros de achegas para un investimento total de máis de 900.000 euros, que corresponden ás seis iniciativas aprobadas: LETEELEG, proxecto de avaliación de diferentes metodoloxías de atordamento para linguado senegalés e impulsado pola Asociación Clúster de Acuicultura en colaboración coa Universidade de Vigo; VACALOR, destinado á innovación en vacinas orais para rodaballo e promovido polo mesmo Clúster e a Universidade de A Coruña; XESMORINM, para a mellora da supervivencia de bivalvos no mar, impulsado pola empresa Proameixa Fernández e a Universidade de Santiago de Compostela; ChernAdvance, dirixido á optimización integral do cultivo larvario do mero gris e solicitado por Nueva Pescanova Biomarine Center en colaboración coa Clúster da Acuicultura; MICROCOOL, para produtos refrixerados de microalgas para a alimentación acuícola e impulsado pola Asociación Nacional Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco ANFACO-CECOPESCA, en colaboración coa Universidade de Vigo; e, finalmente, OctoDiet, de deseño e optimización de dietas para promover a sostibilidade na acuicultura do polbo común, e presentado por Nueva Pescanova Biomarine Center, en colaboración coa Universidade de Almería.