A matricula de Formación Profesional incrementouse nun 8% este curso nos centros desta provincia, que chega case aos 7.000 estudantes
Lugo, 13 de decembro de 2024. A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe no Centro integrado As Mercedes cos directores dos 28 centros educativos públicos que imparten ensinanzas de FP na provincia de Lugo. O encontro enmárcase na rolda de contactos que mantivo ao longo da semana cos responsables dos centros das catro provincias para afondar nas novidades destas ensinanzas este curso.
Entre outros asuntos, afondouse en como están a funcionar os novos módulos, así como o novo modelo de formación práctica derivado dos cambios lexislativos a nivel estatal. Así mesmo, abordáronse outras cuestións de carácter xeral de relevancia para os centros educativos, para o alumnado e para as empresas colaboradoras cos ciclos formativos.
Ademais, informouse das modificacións no procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou vías de formación non formais, que permitirán que a poboación con experiencia profesional poida acreditar esta experiencia con maior axilidade e facilidade e posteriormente validala por módulos profesionais de títulos de FP. Este procedemento mellora a inserción, a integración e a progresión formativa e profesional das persoas.
Un 8% máis de matriculados
No transcurso da reunión abordouse tamén o incremento de matriculación na provincia, que conta este curso con 6.998 matriculados na FP, un 8% máis ca no ano académico 2023/24. Por áreas, o incremento é do 7,2% na de Lugo (4.802 matriculados en total), do 10,8% na da mariña (1.414 matriculados) e do 7,9% na de Lemos, Chantada e Quiroga (782 matriculados).
Entre as principais novidades da oferta para este ano na provincia a implantación, por primeira vez en Galicia, do ciclo de grao medio en Condución de Vehículos de Transporte por Estrada e dos másteres de FP en Posicionamento en buscadores (SEO/SEM) e Comunicación en redes sociais, e en Redacción de contidos dixitais para márketing e vendas. Os tres ofértanse no CIFP As Mercedes da cidade da Muralla.