Incorpora tamén outras melloras nas conexións da Mariña e Vilalba coas cidades
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024. A Xunta activa este mércores 1 de xaneiro a nova concesión de autobús entre A Coruña, Lugo e A Mariña, que incorpora a primeira Liña Conecta entre A Coruña e Lugo con 92 servizos directos máis á semana. Ademais, a implantación da concesión, que atende medio cento de concellos, reforza as conexións da Mariña e Vilalba coas cidades.
A Liña Conecta entre A Coruña e Lugo é a primeira das novas liñas da Rede de transporte expreso impulsada polo Goberno galego para reforzar as conexións directas entre as principais cidades de Galicia.
Cos novos servizos directos rebáixase a duración das viaxes a pouco máis dunha hora. A través deles ofrécense de luns a venres oito servizos ao día en cada sentido entre as 7,00 e as 19,30 horas. Así, xunto cos servizos directos actuais, que inclúen paradas nos hospitais, de luns a venres funcionará un servizo directo cada hora entre ambas as cidades entre as 6,30 e as 20,30 horas.
Nas fins de semana haberá tres servizos de ida e outros tres de volta ao día e os festivos, un por cada sentido. Os sábados prolongaranse ao centro comercial Marineda City un servizo de ida e outro de volta, con saídas ás 10,00 de Lugo e ás 19,00 horas do complexo comercial.
Ademais, a nova concesión incorpora outras melloras nas conexións da Mariña e Vilalba. Os domingos e días de fin de ponte engádese un servizo de Viveiro á Coruña ás 18,00 horas que facilita principalmente a mobilidade dos estudantes da Mariña que viaxan á cidade. Tamén se activa un novo servizo de Vilalba a Lugo máis cedo, con saída ás 7,15 horas, que permitirá chegar Lugo á primeira hora da mañá.
A liña que conecta Viveiro e Lugo pola Gañidoira prolóngase a Burela, mellorando as conexións deste concello coa capital da provincia con catro servizos ao día de luns a venres, tres de ida ás 6,45, 8,45 e 15,15 horas e un de volta ás 15,30 horas.