A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo, as portas abriranse ao público ás 20:15 h.
Xove, 12 de decembro, 2024. O venres 20 de decembro celébrase a VI Gala do Emprendemento Local de Xove no Concello de Xove organizada polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.
Co obxectivo de poñer en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado local, no Salón de Actos municipal ás 20:30 o Alcalde José Demetrio Salgueiro Rapa presentará a GALA na que intervirán Miguel e Julio López López de Talleres Swiss Autos e Laura Lorca González de Glarual Ecoshop
Explicarán como xurdiu a súa idea empresarial; cales foron as principais motivacións; cales cren que son as súas calidades como persoas emprendedoras; cales son os puntos fortes da súa empresa; como foi o proceso de creación empresarial: avaliación da idea, busca de financiación, busca de clientela, tramitacións, axudas,…; atrancos cos que se atoparon; se volverían facelo; e que plans de futuro teñen.
Contarase coa actuación musical e de danza a cargo de David Catá ao piano, acompañado por Ana Represas ao chelo e Marta Cuba con baile contemporaneo.
Esta gala celébrase para pór en valor o emprendemento (especialmente o das mulleres), o desenvolvemento sostible, o talento, a lingua galega, o sinxelo, o rural, o sólido, o apoio mutuo, o respecto, a creatividade, a confianza, a responsabilidade, o comercio local, o próximo, o compromiso.
Con seguridade estas experiencias emprendedoras serán exemplos a seguir, serán referentes para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial.
O Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local está a disposición para ofrecer asesoramento, porque non é suficiente ter unha boa idea, é preciso avaliala e darlle forma chegando á elaboración dun Plan de Empresa viable.