Lourenzá, 27 de decembro de 2024. A Praza do Conde Santo, de Vilanova de Lourenzá, acolle unha nova edición da Vila de Nadal elaborada artesanalmente, que conta con máis escenas e figuras que o ano pasado.
A alcaldesa, Rocío López, conta que “neste 2024 incorporamos varias escenas novas como a botica, a xastrería, a taberna e o panadeiro, que se unen ao resto de oficios ou costumes da nosa vida como a matanza do porco do ano pasado ou a escola rural, por poñer so uns exemplos”.
A rexedora municipal lembra que “xa hai uns anos que puxemos en marcha esta iniciativa e cada Nadal imos aumentando o número de figuras que forman esta instalación. Decidimos apostar por unha decoración sostible que nos permite reciclar e aproveitar os restos das podas, dos troncos e das ramas das árbores que se van cortando ao longo do ano e así facemos estas creatividades”.
Rocío López subliña: “queremos que a decoración de Nadal sexa un reclamo para turistas e visitantes para que cada vez sexa máis xente a que se acerque ó noso concello a ver esta postal de Nadal. Está claro que os que máis disfrutan deste poboado pintoresco son os máis pequenos, por iso todos os anos os temos moi presentes á hora de incorporar escenas ou personaxes novas”.
A alcaldesa indica que “detrás de todo isto están días de moito traballo que non se poderían entender sen a colaboración do persoal municipal, das concelleiras e concelleiros, e doutra xente que de xeito desinteresado nos axuda a preparar todas as escenas. Se por algo destaca o Nadal de Lourenzá é por ser diferente, pola autenticidade e pola sinxeleza de cada figura e sobre todo pola dedicación e o mimo que hai detrás da súa elaboración”.
López anima “a toda a xente da zona a achegarse a Lourenzá para disfrutar desta marabilla, que estou segura que lles vai a gustar moito e sobre todo que se van sorprender co que se van atopar aquí na nosa Vila de Nadal”.
A Vila de Nadal de Lourenzá pódese visitar ata o vindeiro 12 de xaneiro.