A Xunta de Goberno licitou as primeiras obras do paquete de melloras das estradas anunciado polo Presidente para o 2025. Traballos que afectarán a 7 vías ao seu paso por Guitiriz, O Corgo, Begonte, Xermade, Vilalba, Castroverde, Trabada e As Nogais
Rivera Capón fixo referencia a que “un dos nosos obxectivos prioritarios como Goberno Provincial é a mellora da mobilidade do conxunto da provincia. Por iso, na sesión desta mañá aprobamos licitar por un importe de algo máis de 1,8 M€ as obras de acondicionamento de 7 estradas provinciais ao seu paso polas comarcas da Terra Chá, Lugo, A Mariña, e a Montaña”.
Nesta liña, o Deputado incidiu en que se tratan de proxectos que se inclúen no primeiro paquete de actuacións nas estradas provincias “que anunciou esta mesma semana o Presidente. Con estas obras que vimos de aprobar hoxe cumprimos co compromiso de comezar xa o proceso de contratación destas actuacións para executalas o próximo ano”.
Na comarca da Terra Chá, aprobáronse os proxectos de mellora destas catro estradas:
– Na LU-P-2301, que une Guitiriz con Vilares, a institución provincial destina case 247.000€ para acondicionar o tramo que vai dende o punto quilométrico 6,7 ata o 9,2.
– Con preto de 206.000€ arranxaranse outras dúas vías. Por unha banda, en Xermade acondicionarase un treito da LU-P-2206, a vía que une Roupar ata Vilapedre por Lousada. En concreto é o tramo que vai desde o punto quilométrico 1,8 ata o 5,5; e por outra banda, en Vilalba renovarase a LU-P-6509, a estrada limítrofe que vai de Carrizo ata Lousada. O proxecto inclúe a reposición das marcas viais desde o principio da vía e ata o punto 9.
– Por último nesta comarca, a Deputación destina máis de 422.140€ para acondicionar dous tramos do cinto comarcal, a LU-P-1611, ao seu paso polo concello de Begonte. Mellorarase o treito que vai do punto 71,7 ao 73,1; e do 78,6 ata o 81,8.
As obras que se van realizar nestes tres proxectos consisten na reapertura de cunetas, a repavimentación do firme e a reposición da sinalización.
Na comarca de Lugo, realizaranse as seguintes actuacións:
– Unha delas é para dar continuidade ás melloras do cinto comarcal, neste caso, ao seu paso polo concello do Corgo. A estes traballos destínanse case 605.000€ para arranxar o treito que vai do punto quilométrico 0,1 ata o 5,6; e do 6,6 ao 7,5. Neste tramo tamén se acometerán a reapertura de cunetas, a repavimentación do firme e a reposición da sinalización.
– Tamén na comarca lucense arranxarase en Castroverde a LU-P-1211, que vai desde Coto ata Arrubial por Porcín. Para esta actuación a institución provincial achega preto de 83.000€ para acondicionar o tramo que vai desde o inicio da estrada ata o punto 3,8. As obras consistirán na reapertura de cunetas, no saneo da explanada e na reparación de afundimentos.
Na comarca da Mariña:
– Acondicionarase en Trabada a LU-P-6101, a estrada que une Trabadela ata a Ría por Sante con case 150.000€. O tramo que se vai arranxar vai do punto 1,3 ata o 3,5 e os traballos consistirán na pavimentación e no repintado da sinalización e o balizamento.
Na comarca da Montaña:
– Mellorarase nas Nogais a LU-P-3701, a vía que vai desde este municipio ata a LU-P-4504 por Pintinidoira. Concretamente, renovarase un treito de 20 quilómetros desde o inicio da estrada con case 119.000€ e realizarase a reapertura de cunetas e a reparación de afundimentos.
O prazo de execución de todos estes traballos é de 2 meses desde que se inicien as obras.
Convenios
En materia de convenios, Pablo Rivera sinalou que “aprobamos tres acordos para colaborar cos concellos de Castroverde, Xermade e Pol para financiar diferentes actuacións. Porque como sabedes a cooperación cos concellos é outra das liñas de acción prioritarias deste Goberno”.
Por unha parte, en Castroverde, a institución provincial achegará máis de 220.000€ para acondicionar accesos e camiños, mellorar a recollida de augas, remodelar instalacións deportivas ou crear unha senda rural. Pola súa banda, o Concello achegará outros 220.000€ para chegar a un orzamento conxunto de preto de medio millón de euros.
En Xermade, a Deputación destinará case 100.000€ á mellora da contorna da praia fluvial de Cabreiros e un camiño municipal desa parroquia. Neste caso, o Concello comprométese a aportar máis de 30.000€ para chegar a un orzamento total duns 130.000€.
Por último, en Pol, aprobouse un investimento de máis de 100.000€ para adquirir un edificio que servirá para acondicionar un espazo multiusos e tamén para acometer a rehabilitación dun supermercado. Para estas actuacións o Concello aprobará outros 12.000€ para chegar a un orzamento conxunto que supera os 120.000€.
Licitacións de máis servizos
Así mesmo, na sesión deste xoves acordouse licitar por un total de case 300.000€ o servizo de control de calidade das obras da Deputación de Lugo. O contrato será de dous anos de duración prorrogables por un máis e divídese en tres lotes: un dotado con 200.100€ para as obras e servizos de conservación dirixidos desde o Servizo de Vías e Obras; outro para prestacións executadas desde o Parque Móbil por un importe de 30.906,66€; e un terceiro por 62.368,92€ para as obras e actuacións do resto dos servizos da institución.
Por outra banda, aprobouse a licitación da contratación dun servizo de prevención para as especialidades de seguridade no traballo e vixilancia da saúde. O orzamento de licitación é de 106.230€ e a duración do contrato será de dous anos.
Por último, tamén se acordou a licitación do contrato da renovación das licenzas de software antivirus para os equipos dos postos de traballo da Deputación. O orzamento de licitación é de 23.012,99€ e o contrato será de dous anos prorrogables por un máis.