Ademais, na sesión de hoxe tamén se acordou instar á Xunta de Galicia a que adopte medidas para fomentar a titularidade da muller nas explotacións agrogandeiras do territorio
Lugo, 27 de decembro de 2024. A Deputación de Lugo esixiralle á Xunta de Galicia un plan de transporte por estrada para a provincia de Lugo. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de decembro celebrado este venres no Pazo de San Marcos tras unha moción socialista que foi aprobada cos votos a favor do PSdeG e do BNG e cos votos en contra do PP.
Destacou o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria, que “a Xunta ten que deixar de tirar balóns fóra, poñerse as pilas e comunicar ben por bus os nosos concellos”. Nese sentido subliñou que igual que o Estado é o responsable das grandes liñas, “facendo unha similitude co tren: do AVE e os servizos de longa distancia” a Xunta “é quen ten as competencias das cercanías”.
Engadiu a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que o Estado prevé 40M€ en axudas para que as comunidades autónomas asuman as rutas da súa competencia e reprochou –na liña do que argumentaba o Presidente- que a Xunta de Galicia, en lugar de estar pensando en como facer o mellor uso dese investimento non asumen as súas competencias en mobilidade. “Resulta sorprendente que despois de 40 anos de Autonomía, o PP considere que o transporte dos galegos depende de Madrid”, valorou.
“A Xunta non pode seguir inventando agravios inexistentes como escusa para non desenvolver as súas competencias”, sinalou García Porto, quen engadiu que “entre cargar aos concellos con competencias impropias e pedirlle ao Goberno do Estado que desenvolva servizos que son claramente autonómicos, a Xunta parece querer dedicar o tempo á folganza en lugar de propoñer solucións de modernización e desenvolvemento para a nosa comunidade”.
O texto da moción recolle, ademais, instar á Xunta de Galicia ao deseño de rutas interiores –tanto dentro da provincia como na comunicación con outros puntos da comunidade galega- garantindo a interconectividade non só entre as grandes cidades, senón tamén nos concellos do rural; e complementar ese servizo cun de “lanzadeiras” que permitan a todos os lucenses conectar axeitadamente cos puntos de enlace das rutas nacionais e internacionais.
Titularidade feminina das explotacións agrogandeiras
O Pleno sacou tamén adiante unha moción dos socialistas para pedirlle á Xunta de Galicia que fomente a titularidade da muller nas explotacións agrogandeiras.
García Porto explicou que a Xunta de Galicia non aproveita a Lei impulsada por José Luis Rodríguez Zapatero para recoñecer o labor das mulleres no rural que, de facto, traballan en pé de igualdade nas explotacións, pero que no papel consta aínda en moitos casos como “axuda familiar”, o que dificulta que accedan a liñas de crédito ou a bens e dereitos vencellados ao rendemento da terra. Esta moción saíu tamén adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e os votos en contra do PP.
Neste sentido Pleno da Deputación deu luz verde a un texto que reclama á Xunta de Galicia que deseñe e desenvolva un conxunto de medidas que fomenten a adscrición da muller nas explotacións agrogandeiras ao réxime única ou compartida, como xeito de poñer en valor o traballo da muller rural e facilitar o seu acceso a todos os dereitos.