O Presidente e o representante do colectivo asinaron un acordo de colaboración no Pazo de San Marcos a través do que o institución provincial contribúe a que o colectivo poida cubrir gastos de mantemento das instalacións, equipamento, transporte e arbitraxes, entre outros
Lugo, 18 de decembro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co representante da Unión Deportiva Folgueiro, Francisco Blanco Riveira, a través do que a institución provincial achega 16.160€ a este club do Vicedo.
Unha colaboración que “é crucial para facer fronte aos gastos correntes e manter o funcionamento dun club que se ten consolidado como un punto de encontro esencial para a veciñanza”, afirmou Tomé Roca. A achega permitirá cubrir custos como arbitraxes, mutualidade dos xogadores, transporte, mantemento de instalacións e equipamento para os deportistas, entre outros.
Con esta colaboración, avanzou o mandatario provincial, espérase que a Unión Deportiva Folgueiro poida continuar co seu labor, garantindo o acceso ao deporte as xeracións actuais e futuras, con especial fincapé na xente moza.
A Unión Deportiva Folgueiro é un referente deportivo e social no concello do Vicedo e na zona norte da provincia de Lugo. Dende a súa fundación en 2003, o club ten traballado para fomentar a práctica do fútbol e ofrecer alternativas deportivas e sociais aos veciños e veciñas, especialmente á mocidade. Ademais de competir en torneos federados, organiza maratóns de fútbol, torneos locais e outras actividades recreativas e culturais que contribúen á dinamización da veciñanza. O club, que reúne cada tempada a numerosos veciños e afeccionados, promove non só o deporte, senón tamén a cohesión social e a participación cidadá.