A Xunta de Goberno aprobou aceptar o investimento concedido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para desenvolver o proxecto E para dixitalizar Lugo, dentro do programa Reto rural dixital
Lugo, 20 de decembro de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres aceptar un investimento de 750.000€ de Fondos Europeos para desenvolver o programa Reto rural dixital do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Con esta iniciativa, que se enmarca dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España, a institución provincial porá en marcha o proxecto E para dixitalizarse Lugo. Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que o obxectivo é ofrecer formación en competencias dixitais á veciñanza da provincia.
García Porto destacou que o programa pretende “garantir a inclusión dixital, diminuír a brecha dixital, asegurar a adquisición de competencias básicas para a cidadanía e garantir que as zonas en risco de despoboamento poidan aumentar os seus coñecementos sobre novas tecnoloxías”.
A Deputada concretou que “no proxecto E para dixitalizarse Lugo inclúense unha serie de accións formativas directamente relacionadas coas necesidades tecnolóxicas da sociedade actual e que irán dirixidas á adquisición de coñecementos vinculados ás TICS”. Nesta liña, subliñou “a veciñanza da provincia aprenderá sobre cuestións relacionadas coa búsqueda de emprego ou o emprendemento”.
Ademais, tamén haberá formacións de especial interese para pais e nais “como por exemplo sobre os riscos de internet ou a dependencia dos dispositivos móbiles”. Para a poboación máis nova “temos previstos cursos de ofimática e informática básica, ciberseguridade e redes sociais” e as persoas maiores “poderán aprender sobre o uso do móbil, a banca electrónica ou ferramentas de comunicación como whatsapp ou telegram”.
“Na institución provincial somos plenamente conscientes da necesidade de facer fronte a esa brecha dixital que existe no territorio. Porque cremos que a tecnoloxía non debe ser unha barreira senón unha ferramenta que facilite a nosa vida diaria. Sabemos que as novas tecnoloxías traen consigo múltiples oportunidades e ademais son unha gran alidada á hora de crear emprego e impulsar os pequenos e medianos comercios. Unha cuestión que se atopa directamente relacionada coa loita contra o despoboamento e a fixación de poboación no rural”, destacou a Deputada.
Máis de 18M€ de Fondos Europeos
García Porto detallou que “estes 750.000€ súmanse aos máis de 18 millóns de euros que captamos da Unión Europea desde o ano 2019. Aportacións que nos permiten poñer en marcha proxectos coma este”. Neste sentido, recordou outras iniciativas coas que a institución provincial traballa na modernización e na dixitalización dos concellos da provincia “o xeopadrón, que asinamos recentemente, ou o programa IMPULSA TIC, son só dous dos moitos proxectos aos que podemos facer referencia neste eido”.
“A Deputación de Lugo é unha das institucións provinciais de toda España que máis fondos recibiron xunto con outras como Barcelona, Sevilla ou Valencia” e recalcou que “para desenvolver este programa en concreto somos a administración pública que, xunto á Deputación Provincial de Segovia, recibiu a maior contía (750.000€)”.