A Mariña, 5 de decembro de 2024. A Deputación de Lugo asinou un convenio coa FCAM destinado á dinamización do empresariado na Mariña. Trátase dunha subvención directa excepcional de 5.000 euros. O presidente da Deputación, José Tomé, e a presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, rubricaron o documento no Pazo de San Marcos.
Con este proxecto da Mariña Federación o que se persegue é fomentar o emprendemento, promover o consumo, así como a colaboración e cooperación entre os distintos axentes sociais, mellorar a competitividade empresarial e xerar un desenvolvemento sustentable que dinamice o mercado laboral no territorio e xere un tecido empresarial sólido. “Queremos contribuír ao asentamento de poboación e de empresas na Mariña, porque somos unha comarca cunhas potencialidades moi importantes”, subliñou Carmen Cruzado.
A presidenta da FCAM agradeceu “o apoio da Deputación de Lugo a este proxecto. Na FCAM seguiremos a traballar nesta liña e continuaremos solicitando a axuda da institución provincial os anos vindeiros para que todos xuntos consigamos o obxectivo común de contar cun tecido empresarial potente e sólido na Mariña”.