A Xunta de Goberno vén de dar luz verde á listaxe de beneficiarias do programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios que recibirán entre 1.000 e 6.000€ para mellorar redes de abastecemento, viais, locais sociais ou espazos públicos
Lugo, 27 de decembro de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a concesión das subvencións convocadas pola institución provincial a través do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios por un importe total de 300.000€. As achegas repartiranse entre 51 asociacións da provincia para a execución de obras destinadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural como a mellora de redes de abastecemento, viais, locais sociais ou espazos públicos.
As achegas provinciais oscilan entre os 1.000€ e os 6.000€ e foron concedidas a entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións veciñais, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais de toda a provincia. A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, puxo en valor que “aínda que as axudas non teñen unha gran entidade económica, si terán unha gran relevancia social para mellorar o día a día da veciñanza”. E sinalou que a Deputación pretende facer chegar aos concellos do rural os servizos que necesita, traballando da man do tecido asociativo, que é quen mellor coñece as necesidades reais de cada territorio.
Grazas a esta liña de axudas de concorrencia competitiva, estas entidades poden acometer actuacións como o acondicionamento da contorna da área recreativa da Capela do Carme, en Castroverde, e a recuperación de tres fontes; mellorar captacións e reparar o abastecemento de auga en Villamane e Bidueiras, no concello de Becerreá; acondicionar o local social situado na antiga Casa Escola de Mercurín, en Folgoso do Courel; ou adecuar o camiño denominado Candevila, no concello de Friol.
Licitadas as obras da granxa de Porco Celta
A Xunta de Goberno sacou tamén adiante, por un importe de 1,5M€, a licitación das obras da granxa de porco celta na finca Gayoso Castro que a institución provincial ten en Castro de Rei e a rehabilitación de diferentes tramos en tres estradas da provincia ao seu paso polos concellos de Riotorto e Bóveda.
Por unha banda, a Deputación licitou as obras da granxa de porco celta cun orzamento de 1.057.404,26€. Uns traballos que consistirán na construción dun espazo multifuncional de máis de 1.000m2 na finca Gayoso Castro e que incluirán unha nave de produción, zona de corentena, aularios, vestiarios e almacenaxe e con capacidade máxima para 24 porcas de cría e 5 porcos reprodutores. O prazo de execución desta actuación será de 12 meses desde o seu inicio.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, cumpre así co seu compromiso de licitar estas obras antes de que acabe o ano para que as instalacións poidan estar funcionando no ano 2026.
Medio millón de euros para o arranxo de estradas en Riotorto e Bóveda
No que ten que ver coas estradas provinciais, aprobouse a licitación das obras de dous proxectos que afectarán a diferentes tramos de tres estradas provinciais: a LU-P-4404 en Riotorto; e as LU-P-0910 e LU-P-0903, en Bóveda.
En Riotorto, a Deputación de Lugo investirá 194.126,22€ na rehabilitación de tres quilómetros do firme da estrada que conecta Riocabo e As Rodrigas, nun tramo que vai desde o quilómetro 15 ao 18,03. Os traballos consistirán na drenaxe mediante a reapertura e mellora das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente, o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas e reposición da sinalización vertical. O prazo de execución será de dous meses desde o inicio dos traballos.
En Bóveda, a institución provincial destinará 297.908,10€ para a mellora de dúas estradas, a que vai en Rubián desde a LU-P-0907 ata Mosteiro Vello por Vilarbuxán; e a que conecta Bóveda coa autonómica LU-611 pola Raíña. No primeiro caso actuarase desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 5,477; e no segundo no treito que vai desde o 0,175 ata o7,453. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, limpeza de drenaxe, reparación de desperfectos e repavimentación. O prazo de execución será tamén de dous meses desde o comezo das obras.
Colaboración con FUDACE para mellora e ampliación do seu centro residencial
Aprobada tamén na Xunta de Goberno unha achega por 135.000€ á Fundación de Dano Cerebral (FUDACE) para colaborar cos gastos de reforma e ampliación do centro de atención a persoas con dano cerebral que a entidade xestiona nun espazo cedido pola Deputación en Castro de Rei.
Concretamente, este investimento da institución provincial servirá para a reparación exterior dos dous edificios que forman o centro e da pasarela que os conecta, coa instalación dun revestimento que garanta a impermeabilización do edificio e a substitución das ventás; e tamén para dotar ao centro dunha sala para o descanso do persoal e de visitas para os residentes. As obras desenvolveranse durante as anualidades 2025, 2026 e 2027 e o investimento necesario para acometelas ascende a 208.498,89€, dos que a Deputación achegará preto do 65%.
O centro que FUDACE ten en Castro Riberas de Lea está situado na antiga Escola Fogar, no complexo que comprende tamén a Granxa Gayoso Castro, e foi cedido pola institución provincial a esta entidade no ano 2002 e ata o 2067. O centro conta con 28 prazas para persoas con dano cerebral de toda Galicia que son atendidas por 23 traballadores.
Listaxe de emprego de ATS e terapeuta ocupacional para os CAMs
Aprobada ademais a proposta para ampliar as listaxes de emprego de ATS e terapeuta ocupacional que prestan servizos de carácter temporal nos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo. Trátase dunha medida para facilitar a prestación de servizos no caso da acumulación de tarefas e substitucións, no caso dos ATS esta medida servirá tamén para adaptarse ao cambio de normativa que obriga a ter máis persoal por residente.
Contrato para o desbroce en 11 concellos
A Xunta de Goberno deu tamén este venres o visto bo á licitación do contrato dos servizos de roza de maleza nas estradas provinciais de 11 concellos da provincia por importe de 218.129,34€ para a anualidade do 2025, con opción dunha prórroga por un ano máis. Concretamente, este contrato afecta aos lotes 2, 6 e 22 que corresponden cos municipios de Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz; A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza; e Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, respectivamente.
No que ten que ver cos contratos, aprobouse tamén a adxudicación da subministración dos equipos de impresión, copia e escaneo da institución provincial. Resultou adxudicataria a empresa Solitium SL por un prezo de 446.925,6€ por un período de dous anos, coa posibilidade de prórroga anual ata un máximo de dous anos adicionais. Tamén quedou adxudicada a contratación dos servizos de comunicacións da rede interadministrativa provincial da Deputación e que inclúen telefonía, datos e acceso a internet por 1.128.828,36€. A adxudicataria é Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España SAU e a duración do contrato será de dous anos, prorrogables por outros dous ata un máximo de catro anos.