Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación abre este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do Lugo Termal con descontos nos catro balnearios da provincia

As solicitudes xa están dispoñibles no BOP onde saen publicadas as bases e tamén na páxina web da Deputación, e poden presentarse en calquera rexistro oficial ou na sede electrónica

Lugo, 1 de decembro de 2024. A Deputación de Lugo abre este luns, 2 de decembro, o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa Lugo Termal,co que ofrece descontos de entre o 10 e o 20% nos catro balnearios da provincia, en Lugo, Pantón, Palas de Rei e Guitiriz.A institución provincial favorece o benestar social e, ao mesmo tempo, promove o turismo termal con esta iniciativa, á que destina 121.605€nesta nova edición, un 30% máis que na anterior convocatoria.

Está dirixido ás persoas con 50 anos ou máis, que poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que tamén terá a oportunidade de desfrutar dos descontos aínda sen ter a idade. Os requisitos que deben cumprir os solicitantes son: estar empadroados en calquera concello da provincia, valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria, á excepción de fillos que acudan en calidade de acompañantes, non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal actividade e convivencia nos establecementos, ou ter algunha contraindicación médica para recibir os tratamentos termais.

As persoas interesadas poderán rexistrar desde ás 9:00 horas da mañá deste lunsas súas solicitudes ata que se esgoten as prazas. Poden atopar o formulario de inscrición no Boletín Oficial da Provincia deste sábado 30 de novembro, onde saen publicadas as bases do programa ou ben a través da sede electrónica na páxina web da Deputación. O formulario poderá presentarse xunto coa fotocopia do DNI en calquera rexistro oficial ou a través da sede electrónica da institución provincial.

O Lugo Termal ofrece dúas modalidades: con estancia e sen estancia, adaptándose así ás necesidades e preferencias de todos os usuarios. Concretamente, o programa contará con 1.100 prazas con estancia: 40 no Balneario Termas de Lugo, 60 no Balneario Río Pambre, 500 no Balneario de Guitiriz e 500 no Hotel Balneario Augas Santas. Ademais a Deputación ofrecerá outras 650 prazas sen estancia: 200 no Balneario lucense das Termas, 150 no Balneario Río Pambre, 150 no Balneario de Guitiriz e 150 no Hotel Balneario Augas Santas.

Modalidades con descontos de ata o 20%

A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión. O prezo é de 275€, dos cales a Deputación sufragará 110,55€. Inclúe servizo de cea e aloxamento o día de entrada, que será sempre os domingos, e tamén conta con servizo de almorzo e xantar o día de saída, podéndose alternar por servizo de xantar e cea o día de entrada e almorzo o día de saída, acordando previamente co balneario. Será en habitacións de uso compartido (os usuarios que soliciten unha individual, se o balneario ten dispoñibilidade, aboarán a diferenza correspondente aos prezos establecidos). Aplicaranse un mínimo de 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconselle, e haberá un programa de animación sociocultural de luns a xoves.
A modalidade sen estancia contempla dez días (de luns a venres) e o prezo a pagar polos usuarios e usuarias é de 150 euros. Inclúe 30 técnicas termais como mínimo, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconselle.

Exit mobile version