Burela, 5 de decembro de 2024. O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou na segunda edición do Día do Orgullo Mariñeiro, que organiza a Fundación Expomar. Deste xeito, o responsable autonómico expresou o apoio do departamento que dirixe para a organización deste encontro que está dirixido a preservar e activar a cultura marítima da localidade mariñá.
A este respecto, Basanta puxo en valor que iniciativas coma esta contribúen a impulsar a economía que xera este sector e unha localidade, cuxa lonxa é unha das máis relevantes a nivel internacional, así como a importancia da aportación que realizan os provedores locais ao mercado global e do sector estaleiro en auxe.
A xornada combina a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía, co fin de dar visibilidade á actividade pesqueira burelesa. A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, colaborou co desenvolvemento do encontro no marco das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
A celebración divídese en varios espazos: Orgullo Mariñeiro nas Escolas, con máis de 700 nenos comendo filetes de pescada nos comedores escolares de oito colexios públicos da comarca; Orgullo Mariñeiro na Memoria, coa charla “Mirando a popa e mirando a proa”, na Casa da Cultura; Orgullo Mariñeiro Musical, coa actuación de Medio Quiñón; Orgullo Mariñeiro na Praza, cunha celebración gastronómica popular; e Orgullo Mariñeiro nos Bares, con quince locais servindo tapas e pratos de pescada.