Burela, 5 de decembro de 2024. As seccións sindicais da CIG en Gadis e Froiz en Lugo continuaron este xoves co calendario de mobilizacións que están a desenvolver por toda a provincia pola abusiva carga de traballo e para reclamar que se respecten os dereitos laborais e sociais do persoal do sector. Hoxe, xoves 5 de decembro, as protestas chegaron até A Mariña cunha concentración ás 11:00 horas diante do Gadis da Avda. Arcadio Pardiñas nº 126 e outra concentración ás 12:00h, no supermercado Froiz da Rúa Rosalía de Castro nº 15.
A representación da CIG denuncia que, malia os enormes beneficios obtidos por ambas empresas, as condicións son cada vez máis precarias porque os soldos apenas subiron e seguen sen cubrirse as ausencias (xa sexa por baixa médica, vacacións, licencias etc.), tendo o a cotío o persoal que asumir a carga de traballo de dúas persoas “para que as tendas funcionen con normalidade”.
Ademais, tanto Gadis como Froiz incumpren de maneira sistemática o recollido no convenio colectivo sobre as retribucións, o quebranto de moeda, teñen o persoal en categorías inferiores ás que lle corresponde, non compensan as horas extraordinarias, poñen impedimentos para o goce das vacacións ou das licencias retribuídas, e nin sequera son transparente á hora de abonar as comisións polas ventas.
A isto hai que engadir que os salarios das traballadoras e traballadores do sector continúan a empobrecerse “e estamos no vagón de cola con respecto ao resto de provinciais”. As delegadas e delegados da CIG subliñan que mentres os gastos en persoal baixaron nos últimos anos, “as contas de GADISA subían un 64,8% (resultado antes de impostos) e as do Grupo Froiz un 95%”.
Denuncia que ambas empresas (hexemónicas no convenio provincial do comercio de alimentación) “están engordando os seus beneficios a conta de explotar o persoal” e en Lugo aínda conseguen máis beneficios “porque os prezos son os mesmos pero os salarios son máis baixos que noutras provincias”.
A representación da CIG expón estas reivindicacións en cada unha das xuntanzas coas direccións, “pero tanto Gadis como Froiz néganse en redondo a negociar ningunha mellora dos salarios ou das condicións de traballo, polo que seguiremos adiante coa campaña de mobilizacións”.