Ribadeo, 5 de decembro de 2024. A apertura de negocios segue medrando en Ribadeo, onde se instalaron 42 empresas no último ano. O Concello ven de conceder novas licencias.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “Ribadeo segue crecendo, segue avanzando na apertura da actividade comercial. Novas empresas, novos comercios, en definitiva, a actividade económica en Ribadeo está crecendo. Os datos que nos están a dicir?, que no último ano foron 42 empresas as que se instalaron en Ribadeo”.
O rexedor explicou que “unhas continuaron, polo tanto estamos garantindo o relevo xeracional, outras cambiaron de titularidade e outras abriron por vez primeira. Son datos moi positivos, son datos que nos seguen animando a traballar para que a actividade comercial se estableza en Ribadeo”.
Vega cre que “a redución da burocracia, abrir as portas á inversión, atender a todas as persoas que queren emprender en Ribadeo e darlles unha explicación, acollelos e axudar creo que é a liña correcta. En todas as xuntas de goberno deste ano e medio, a todas foron aperturas de negocios”.
O alcalde subliñou que “nesta última vamos darlle unha licenza para que haxa un novo taller no porto de Ribadeo. E tamén vai haber outra licenza para a apertura de actividade comercial, novos comercios que vai haber en Ribadeo. Seguimos esa liña de crecemento, seguimos creo que facendo as cousas con responsabilidade e cun obxectivo claro que é atender ás persoas, escoitalas, axudarlles para que poidan establecer o seu proxecto comercial, o seu proxecto empresarial, en definitiva, que esa actividade económica que non se vaia para outro sitio e se quede en Ribadeo”.