“É unha nova pésima e a súa argumentación carece de razón de peso” afirmou Marta Rouco, quen lamenta que “dende o goberno autonómico se siga desprezando desta forma a Vilalba e, sobre todo, aos vilalbeses e vilalbesas”
Vilalba, 3 de decembro de 2024. O Concello de Vilalba vén de recibir a resposta desfavorable da Axencia Galega de Turismo para a declaración da Feira do Capón como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha nova “pésima” coa que a alcaldesa, Marta Rouco, amosa un profundo malestar.
“A Xunta de Galicia argumenta a súa desestimación na falta de arraigamento da Feira do Capón en Vilalba”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, quen considera que “esa argumentación carece de razón de peso, e non se trata dunha opinión persoal, senón apoiada polos criterios que o Consello Provincial de Turismo esgrimiu para galardoar a nosa Feira do Capón o pasado mes de setembro co premio ‘E para comer…Lugo’ pola súa antigüidade, singularidade, arraigamento e valor cultural”.
“O capón de Vilalba ten unha longa historia demostrada coas referencias bibliográficas que posuímos no Concello e nos falan da existencia de capóns desde o ano 1521”, salientou a alcaldesa de Vilalba. Ademais, a Feira do Capón “destaca por ser a única feira en Galicia destas características, sendo a máis arraigada no tempo, e conta cun elevado número de criadores de capóns locais e consumidores fieis a un produto de alta calidade, mantendo ano tras ano unha feira tradicional”, indicou Marta Rouco.
“A resolución da Xunta de Galicia mesmo chega a mencionar que durante o ano da pandemia a feira non se celebrou pero os capóns para o Nadal se venderon igual”, salientou a alcaldesa de Vilalba, para quen “isto denota un profundo descoñecemento por parte da Axencia Galega de Turismo tanto da Feira do Capón como da identidade do pobo vilalbés; de feito, entre a documentación aportada queda acreditado a celebración de numerosas actividades arredor da Feira do Capón”.
“Calquera vilalbés ou vilalbesa sinte a Feira do Capón como unha celebración propia e á que todos acudimos ano tras ano, con independencia de que un vaia a mercar capóns ou non”, explicou a rexedora vilalbesa ao tempo que asegurou que “o meu malestar increméntase por ver como dende o goberno autonómico se sigue desprezando desta forma a Vilalba e, sobre todo, aos vilalbeses e vilalbesas”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, adiantou que “dende o Concello de Vilalba seguiremos insistindo e comprométome persoalmente a que volveremos a iniciar os trámites, presentar a documentación e seguiremos loitando polo que nos é de dereito”. Así pois, para axilizar o máximo posible esta cuestión a rexedora solicitou no día de onte unha reunión do director da Axencia de Turismo de Galicia para tratar este tema.
Finalmente, a Rouco quixo salientar que “chócanos especialmente esta noticia porque este pasado domingo, precisamente na presentación da Feira do Capón, o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, trasladoume a min e aos medios de comunicación a súa intención de apoiar esta iniciativa, á vez que falaba dunha feira mítica e tradicional, criterios que polo visto non comparten dende a administración á que Arias representa na nosa provincia”.