Recoméndase a realización de doazóns económicas ás organizacións que traballan nas zonas afectadas, a través das contas habilitadas pola Generalitat Valenciana e por Cruz Vermella
Dende a FEGAMP e a FEMP (Federación Española de Municipios y Provincias), en coordinación coa Generalitat Valenciana, sinalan que, por cuestións loxísticas, recoméndase enviar dita axuda a través de doazóns económicas ás organizacións que traballan nas zonas afectadas.
Estas doazóns poden ser realizadas a través do número de conta do Banco Sabadell habilitado pola Generalitat para esta finalidade, o ES94 0081 0693 61 0002423445. Tamén a través das diversas canles de doazón da Cruz Vermella, que se poden consultar na web www.cruzroja.es/colabora ou no número de teléfono 900 104 971.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro sinala “a importancia da solidariedade nestes momentos tan duros para o pobo da Comunidade Valenciana, ao que lle enviamos todo o noso apoio”.
Tras os tráxicos sucesos acontecidos a pasada semana, o Concello de Viveiro iniciou as xestións para poder habilitar puntos de recollida de produtos e alimentos para as persoas afectadas pola DANA. Porén, estes non serán finalmente habilitados polo momento despois de recibir a recomendación de que a axuda se canalice a través de doazóns económicas.
O concello entende que, como administración pública, a axuda debe realizarse en coordinación coa FEGAMP, a FEMP e a FVMP valenciana, polo que se están a seguir as indicacións realizadas por estas entidades.
A través dun correo electrónico, a FEMP agradeceu a labor das entidades locais enviando produtos, alimentos, medios e material especializado, a través das canles establecidas, pero sinalan que os problemas de almacenamento e loxística existentes fan máis recomendables as doazóns económicas.
Dende o Concello sinálase que nos vindeiros días, cando a situación o permita, habilitaranse en Viveiro os puntos de recollida de material para enviar ás zonas afectadas.