Falou desta etapa da nosa historia Francisco Luís Rodríguez Guerreiro e Néstor Rego Candamil, dúas persoas que a viviron en primeira persoa, aínda que con distintas idades.
Francisco Luís Rodríguez Guerreiro falou dalgunha das actividades, sen esquecer as persoas que as fixeron posíbeis, realizadas en Viveiro entre o ano 1972 e o 1976, e así encadrar o ambiente no que naquela altura “se puido formar un mozo, eu mesmo, dunha vila galega, que acha un país até entón oculto e que non puido atopar nos estudos formais do bacharelato.” Tamén comentou a súa participación, como representante da Fronte Estudantil, en varias reunións da incipiente Asemblea Nacional-Popular Galega.
A maiores fixo un repaso por toda a actividade levada a cabo na Mariña, a actividade legal na Asociación Cultural Sementeira e a menos legal ou ilegal como a loita contra a instalación dunha central nuclear en Xove ou a contaminación por flúor producida na factoría de Alúmina/Aluminio, ou reclamando a construción dun hospital na comarca…
Para Néstor Rego, “O vizoso nacionalismo galego de hoxe, non podería ser entendido sen o traballo fundamental, realizado os anos 60 e 70, de autoorganización do pobo galego en todos os ámbitos, no cultural, no labrego, no estudatil, no mundo do traballo cos primeiros xermolos sindicais que deron lugar ao que, na actualidade, é a primeira central sindical da Galiza, a Confederación Intersindical Galega (CIG). E, especialmente, sen a decisión da UPG de impulsar a creación dunha frente patriótica que deu lugar á aparición da Asemblea Nacional Popular Galega en 1975. A AN-PG coñeceu un rápido crecemento porque foi capaz de incorporar os sectores máis dinámicos da sociedade galega e de se involucrar nos principais conflitos sociais e políticos que viviu o noso País nese período.”
No coloquio posterior ás intervencións houbo achegas de asistentes que tamén participaron daquelas loitas ou actividades políticas e culturais.