Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares pon en valor a capacidade das empresas galegas asentadas en Cabo Verde para subministrar produtos de alta calidade e únicos no mercado

O conselleiro dá continuidade á rolda de contactos empresariais iniciada no día de onte na IX Expomar caboverdiana, co fin de afianzar lazos e abrir novas oportunidades de negocio para o tecido marítimo galego

Mindelo (Cabo Verde), 8 de novembro do 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor a capacidade das empresas galegas asentadas en Cabo Verde para subministrar produtos de alta calidade e únicos no mercado. Así o trasladou logo de coñecer o funcionamento de dúas das entidades máis destacadas neste eido e que teñen base no país africano. Trátase da ribeirense A Poutada e da Coruñesa Noroesmar.

Neste senso, o responsable autonómico, continúa coa rolda de contactos iniciada no día de onte, con motivo da celebración, en Mindelo, da XI edición de Expomar, e cuxa participación da Xunta ten por obxectivo afianzar lazos e abrir novas oportunidade de negocio para o sector marítimo-pesqueiro da comunidade.

Alfonso Villares comprobou así como estas compañías forman parte dun amplo engrenaxe que fai da pesca galega un motor económico e de creación de emprego, líder e referente a nivel europeo. Concretamente, o vínculo da economía pesqueira con outras actividades afecta ao 90% dos sectores económicos de Galicia polo que ten un carácter estratéxico de especial relevancia neste territorio.

Para o dirixente autonómico, iniciativas como Expomar poñen de relevo a importancia de impulsar políticas como as que se están a levar a cabo dende o Goberno da Xunta, dirixidas a reforzar as relacións entre as diferentes actividades, desde a extractiva ata a industrial e transformadora, e que son fundamentais para seguir avanzando na competitividade e a sostibilidade da cadea mar-industria.

Fabricantes referentes

A Poutada ten unha ampla presencia no territorio nacional e en Cabo Verde, onde provee aos buques, especialmente atuneiros e palangreiros, de carnaza, anzois, roupa e equipos profesionais. Unha evolución continua que lles permite que da súa fábrica de Ribeira saian anzois para as frotas pesqueiras de países de todo o litoral mundial. Concretamente, máis de medio millón destes anzois diarios e que son empregados na pesca de palangre por barcos que faenan nos cinco continentes. E é que esta empresa está considerada unha das poucas en España e en Europa, por non dicir a única, que se dedica á fabricación deste material.

Nas súas instalacións elabóranse máis de 120 tipos de anzois de todo tipo de tamaños e modelos. Opera no país africano dende 2016, onde conta con 130 traballadoras. Elixiu Mindelo para asentarse debido á localización xeoestratéxica do arquipélago, próximo a África, a América e a Europa.

Noresmar, pola súa banda, pertence ao Grupo Sumipesca, e está dedicada ao provisionamento integral de buques con víveres, efectos navais, carnada ou aceite lubricante. Dispón dun almacén na cidade de Mindelo, pero a previsión é seguir expandíndose por todo o país. Desenvolve o seu labor en todos os portos de Galicia, tendo as oficinas centrais no porto de A Coruña e unha delegación no de Burela.

Este Grupo, especializado dende 1985 no aprovisionamento de buques pesqueiros e mercantes, conta con instalacións con depósito aduaneiro e fiscal propio por toda España, así como naves de avituallamento con cámaras frigoríficas e unha importante frota de transporte para ofrecer o mellor servizo.

Exit mobile version