Villares destaca os 100 anos da Confraría de Pescadores de Celeiro en prol do patrimonio cultural pesqueiro
Viveiro, 20 de outubro de 2024. A Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro puxo hoxe fin aos actos de conmemoración do seu cen aniversario, e fíxoo coa apertura dunha exposición na que se divulgan os fitos da súa historia e coa inauguración dun mareógrafo, elaborado con pezas da fábrica de cerámica galega Sargadelos.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que participou na inauguración de ambas as dúas iniciativas, destacou o labor continuado do pósito en prol do patrimonio cultural pesqueiro. Así, a mostra, situada na sede da entidade mariñá, inclúe maquetas de barcos emblemáticos do porto, testemuños en papeis e vídeos, fotografías, unha colección de pinturas dos patróns maiores e elementos únicos como a acta de constitución, a medalla de ouro centenaria ou maquinaria antiga.
A esta actuación, súmase a instalación dun reloxo de mareas completamente funcional. O dispositivo mide e rexistra as variacións do nivel do mar, seguindo o ciclo lunar e calculando a altura das mareas en función da posición da lúa e o sol. Situada na Praza do Náufrago, trátase dunha peza da cal só se pode atopar outra de características similares no municipio de Portugalete, no País Vasco. Ten cinco metros de altura e está dotado de dúas esferas (reloxo e mareógrafo), ademais dun termómetro e dun barómetro, o que fai que sexa un instrumento exclusivo e especial.
A Consellería do Mar colaborou no desenvolvemento da mostra e deste mareógrafo, a través das axudas concedidas ao Grupo de Acción Local de Pesca (GALP) A Mariña-Ortegal, ao abeiro do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
A Xunta con Viveiro
A Confraría Santiago Apóstolo de Celeiro recibirá do Goberno galego axudas por valor de máis de 1,1 millóns de euros. Estas achegas están destinadas á modernización e mellora dos equipamentos e da infraestrutura portuaria. É o caso do acondicionamento da nave de preparación e envasado dos produtos pesqueiros frescos, e que servirá para afianzar, valorizar e revalorizar os produtos da zona.
Asemade, pero dentro da acción de Portos de Galicia, que depende do departamento que dirixe Alfonso Villares, a ampliación do dique de abrigo que suporá unha investimento plurianual de 1M€ , a pavimentación da explanada do porto deportivo na que se destinaron 125 mil euros e a dotación de luminarias LED por valor de 120 mil euros completan os investimentos previstos pola Consellería neste municipio.
A prioridade desta colaboración é o fomento da pesca sostible, así como a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos e acuáticos.