“Xunto coa concellería de Servizos Sociais deseñamos actividades para todas as idades e, de feito, unha das principais novidades serán os bailes no Centro Cultural e o pre Fin de Ano que celebraremos o 31 pola mañá”, explicou a concelleira Paula Vigo
“Xunto coa concellería de Servizos Sociais deseñamos actividades para todas as idades e, de feito, unha das principais novidades serán os bailes no Centro Cultural ou o pre Fin de Ano que celebraremos o 31 pola mañá”, explicou a concelleira Paula Vigo durante a presentación.
Nesa liña, a programación de Nadal dará comezo o domingo 8 de decembro cun baile de 17.00 a 20.00 no Centro Cultural, a cargo do Dúo Eclipse. “Cremos que é unha boa oportunidade para que as persoas maiores tamén gocen do Nadal e se xunten nestas datas”, asegurou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco. De feito, a sesión de baile repetirase o domingo 22 de decembro, tamén no Centro Cultural de 17.00 a 20.00, pero nesta segunda ocasión a cargo do Dúo Venus.
Por suposto, a programación contará con actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil e a primeira delas será o sábado 14 de decembro, cando se ofrecerá a película “Los Mitchell contra las máquinas” no Auditorio Municipal ás 19.00. No mesmo escenario reproducirase a película “El hotel de los líos”, o venres 3 de decembro ás 19.00 horas.
Ademais, o Auditorio Municipal tamén acollerá outras citas como a do luns 23 de decembro, cando Educateatro representará a obra “Os tres porquiños” ás 17.00 horas, ou a do martes 24 de decembro, cando Pakolas e Romero ofrecerán o seu espectáculo “Ramona Órbita. Cores, contos e rock” a través do programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN).
Pola súa banda, a Biblioteca Municipal acollerá unha dobre sesión de conta contos a cargo de Bea Campos o mércores 18 de decembro. Ás 16:00 será a quenda dos máis pequenos, crianzas entre 0 e 4 anos, que poderán gozar de “Os tres porquiños” e ás 18:00, as crianzas a partir de 5 anos poderán asistir a “Contos de orella”.
No calendario de Nadal “tamén se inclúe a tradicional Feira do Capón, que se converterá na protagonista indiscutible da comarca chairega o vindeiro sábado 21 de decembro”, explicou a concelleira Paula Vigo, quen sinalou outras datas chave como a recepción a Papá Noel que se fará na Praza da Constitución o martes 24 de decembro a partir das 16:00, ou a visita dos Reis Magos ás parroquias o domingo 5 de xaneiro, quen rematarán o seu paso por Vilalba na cabalgata a partir das 18:15 horas.
“E pensadas para todas as idades teremos a carreira San Silvestre o domingo 29 de decembro, a partir das 16.00, e o pre Fin de Ano con Puzzle Animación na Praza da Constitución a partir das 12.00 do martes 31 de decembro” salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Finalmente, como en edicións anteriores, organizaranse as tardes de Nadal os días 23, 24, 26, 27 e 30 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro, nas cales serán protagonistas os inchables e os obradoiros que se ofrecerán de 16.00 a 20.00 na Praza da Constitución. “Ademais, tamén teremos estas actividades o venres 27 de decembro, a partir das 17.00 no colexio de Monseivane e o xoves 2 de xaneiro á mesma hora no colexio de Román”, sinalou a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, quen salientou “a actividade de Laser Tag que substituirá ás tardes de Nadal o sábado 28 de decembro”.
“Unha vez máis, nesta programación infantil e xuvenil contamos coa colaboración do Grupo Entrepinares, quen patrocina boa parte das actividades deste Nadal e a quen estamos enormemente agradecidos pola a súa reiterada achega á dinamización do noso Concello” concluíu a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.