Financiadas pola Deputación de Lugo, as actividades desenvolveranse en 16 parroquias de forma totalmente gratuíta e sen necesidade de inscrición previa
En concreto, o programa de dinamización rural inclúe actividades de iniciación ao deporte, manualidades, memoria, ximnasia de mantemento e novas tecnoloxías que se levarán a cabo nun total de dezaseis parroquias: Lanzós, Carballido, Torre, Nete, Noche, Tardade, Árbol, Alba, Sancovade, Ladra, Distriz, Santaballa, Belesar, Vilapedre, Codesido e Goiriz.
“Grazas ao compromiso da Deputación de Lugo co noso Concello puidemos impulsar este novo programa de dinamización rural que se levará a cabo en todas aquelas parroquias nas que as asociacións de veciños manifestaron a súa vontade de participar”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Nesa liña, dende o Concello de Vilalba realizouse unha rolda de contactos previos con todas as asociacións veciñais rexistradas nas diversas parroquias do municipio, de tal forma que as actividades de dinamización rural se repartiron entre as asociacións interesadas en participar neste novo programa.
Así, as actividades terán lugar nos meses de novembro, decembro e xaneiro en horario de tarde de luns a venres. Os veciños interesados en participar nas mesmas non precisarán inscribirse de forma previa e tampouco deberán abonar ningunha cota, pois trátase de actividades totalmente gratuítas.
Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, quixo salientar “a importancia da colaboración entre institucións para poder sacar adiante proxectos de interese xeral, como neste caso a Deputación de Lugo, que amosa, unha vez máis, o seu compromiso co noso municipio a través deste novo programa de dinamización rural”.