O goberno local convocou un pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade unha das obras máis importantes para o día a día dos vilalbeses e vilalbesas
A alcaldesa, Marta Rouco, explicou esta mesma mañá no pleno extraordinario celebrado no Concello de Vilalba que se trata “dunha das obras máis importantes para o día a día dos vilalbeses e vilalbesas, que nos permitirá solucionar dunha vez por todas os episodios de turbidez na auga”.
En concreto a obra, incluída no convenio subscrito entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vilalba para mellorar o ciclo da auga, suporá a instalación de decantadores lamelares nas ETAPs de San Simón e As Cañotas, dende as cales se suministra auga potable ao casco urbano vilalbés. Uns dispositivos que permiten separar elementos semipesados e pesados en suspensión na auga para que, posteriormente, se poida levar a cabo o tratamento desas augas sen ningún tipo de problema.
“Os decantadores permitirán clarificar a auga e separala de calquera tipo de lodo ou residuo que poida traer consigo sobre todo nas épocas de abundantes choivas, onde actualmente o sistema de decantación non está funcionando da maneira oportuna”, asegurou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Ademais, o goberno local informou de que a actuación complementarase coa instalación de filtros que farán un traballo previo de limpeza e depuración da auga e serán fundamentais para que o proceso no seu conxunto resulte satisfactorio. Unha obra que se sumará á futura mellora do sanemaneto da Rúa Plácido Peña, o cal conta cunha infraestrutura moi antiga e que precisa ser renovada para que unha vez a auga estea tratada e completamente limpa non recolla ningún tipo de residuo na súa canalización ata que chega ás vivendas.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Ademais desta obra, a principios de ano remataron as actuacións de mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Vilalba, tras un investimento de 1,7 millóns de euros grazas ao convenio subscrito entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vilalba.
O obxectivo da actuación era limitar as verteduras sen tratamento adecuado ao río Madalena, para o que se acometeron dúas actuacións: a ampliación do pretratamento da EDAR e a construción dun tanque de tormentas.